· Movemento polos Dereitos Civís solicitou en diversas ocasións á institución municipal que se aclare se os dispositivos de videovixiancia se empregan tamén para controlar os transeúntes
O Defensor del Pueblo vén de solicitar por segunda vez ao concello de Santiago que responda ás continuas peticións que o Movemento polos Dereitos Civís sobre o emprego que se realiza das cámaras empregadas para controlar o tráfico. Segundo puido constatar o MpDC a través da Axencia Española de Protección de Datos estes dispositivos contan con mobilidade horizontal e vertical así como con certa marxe de aproximación.
Ao MpDC preocúpalle que as cámaras sexan empregadas para outras utilidades que non son as recollidas nas súas funcións, como o control dos transeúntes ou a vixilancia de casas grazas ás posibilidades técnicas coas que contan estes dispositivos, así como de posibéis gravacións, algo que terían totalmente prohibido, dacordo a Lei Orgánica que regula a videovixiancia.
A asociación que vela polos dereitos civís das persoas dirixiu, dende o ano 2008 diversos escritos á entidade local solicitando a retirada das cámaras así como que se indique cal é o fin para o que se empregan e se están en posesión dos permisos necesarios. A resposta, a uns días de rematar o ano 2010, foi nula incumprindo as dúas solicitudes realizadas polo Defensor.
Ante todo isto o MpDC quere mostrar o seu malestar pola ocultación de información que se fai dende unha institución pública como é o Concello de Compostela, negando os datos solicitados polo Movemento e vulnerando os dereitos de todos os veciños de Santiago. Por todo isto, a asociación instará ao Defensor del Pueblo así como ao Valedor para que sancionen ao concello de Santiago polo incumprimento da normativa sobre a publicidade das súas actividades referentes á videovixiancia.
Dende o Movemento polos Dereitos Civís, agardamos que o señor Xosé Sánchez Bugallo, máximo responsábel desta isntitución, rectifique e facilite toda a información solicitada así como que proceda á retirada das cámaras de videovixiancia.
0 comentarios:
Publicar un comentario