Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC volve solicitar unha xuntanza do Consello Galego de Seguridade Cidadá, que leva dous anos e medio sen se reunir

Written By Virgulino on 15/7/10 | 11:30

O Movemento polos Dereitos Civís vai solicitar, novamente, á Delegación do Goberno que reúna ao Consello Galego de Seguridade Cidadá, xa que o organismo leva máis de dous anos e medio sen programar ningún encontro. O MpDC pregúntase cales son os criterios que atende á Delegación do Goberno para considerar oportuna unha xuntanza deste organismo, cando Galiza se atopa nun ano especialmente delicado en canto ás estratexias a seguir en materia de seguridade por mor das celebracións do xacobeo, e para o cal se deseñou un plano de seguridade que non se contou coa participación dos actores sociais integrados no Consello Galego.

Neste senso, a asociación de defensa dos dereitos civís lembra que o País, e máis concretamente a cidade de Compostela, atoparanse en situación de alerta media dende o vindeiro outubro (segundo informacións aparecidas nos medios) a causa da visita do Papa. Isto provocará que a vila estea tomada literalmente polos corpos e forzas de seguranza chegadas de todo o Estado, dificultando o normal desenvolvemento da actividades cotiás dos veciños/as e turistas, mais sen que a cidadanía coñeza que estratexias se van seguir ou cales son os supostos perigos aos que se enfrontan.

Así mesmo, lembrar que neste ano se foi incrementando considerabelmente o número de visitas á cidade e á catedral, deixando de lado criterios de seguridade e sen que isto motivase unha xuntanza do Consello Galego para abordar todas estas cuestións, nas que a administración debería implicar a todos os actores sociais, de cara a elaborar medidas de prevención e informar sobre as actuacións a levar adiante en caso de emerxencia.

Hai que lembrar ao Delegado do Goberno que as cuestións de seguridade non se limitan a actuación dos corpos e forzas de seguridade en casos puntuais, senón que implican toda unha serie de cuestións que afectan a diario aos cidadáns e cidadás deste País.

Dous anos sen actividade
O Consello Galego de Seguridade Cidadá non mantivo aínda ningunha reunión, logo de que pasase máis de dous anos da súa última xuntanza. Este organismo de consulta creouse para converterse nun órgano de participación cidadá no que estarían representados os actores sociais máis importantes do País e que serviría para trazar os programas e estratexias autonómicas en materia de seguridade. Non obstante, e a pesar da campaña mediática, o delegado do Goberno aínda non tivo a ben convocar a ningún dos membros que configuran o Consello nin comunicar cales son as liñas xerais que está a levar a cabo a institución.

O Movemento volve a crer que a existencia do Consello Autonómico revélase como unha pantomima creada para dar unha aparencia de diálogo e participación cidadá nas cuestións da seguranza, aínda que na realidade non sexa máis ca un organismo baleiro de contido.

0 comentarios:

Publicar un comentario