Mediante un escrito, o Valedor do Pobo vén de informar ao Movemento polos Dereitos Civís que iniciará as accións que crea “oportunas” ante o consistorio lugués a respeito das 30 cámaras de vixilancia instaladas no polígono industrial do Ceao.
Deste xeito, a institución acaba de pórse en contacto coa Delegación do Goberno para que lle remita un informe no que dea conta da situación dos dispositivos en cuestión, dado que é ella a indicada para responder sobre os permisos, autorizacións e demais trámites e condicións que necesitan as cámaras para seren legais.
Dereitos Civís xa se tiña dirixido anteriormente ao Valedor para que intercedese neste procedemento, xa que Delegación e Concello actuaron até o momento de costas á lei e á sociedade permitindo que unhas cámaras graven ilegalmente no dito polígono industrial. Logo de que o organismo recibise as dúas últimas comunicacións do MpDC ( 5 de abril e 31 de maio) foi cando decidiu abrir esta investigación e requerirlle a Lugo os informes necesarios para coñecer a situación deses dispositivos de gravación.
Lugo debe cumprir coa lei
O Movemento polos Dereitos Civís presentou recentemente un escrito ante o Concello de Lugo para que adoptase as medidas oportunas para a retirada das cámaras de vídeovixilancia instaladas na zona monumental da súa cidade e calquera outra medida para cesar a instalación de cámaras de vídeovixilancia que non conten coas preceptivas autorizacións ou informes esixidos legalmente e sen ampararse en resolución legal algunha.
Se o Concello de Lugo non retira as cámaras, o MpDC procederá a realización dun requirimento por vía xurisdicional para que se leve a cabo a retirada das mesmas.
De a asociación continuar con este asunto é porque, a pesar da ilegalidade das cámaras instaladas, nin a Delegación nin o Concello de Lugo proceden a súa retirada e aínda por riba o Concello de Lugo está incorrendo na vía de feito ó ter instaladas unhas cámaras de vídeo vixilancia sen os preceptivos informes esixidos legalmente ao amparo do disposto da Lei 4/97 de 4 de agosto.
Os dispositivos funcionan a día de hoxe sen ningún tipo de autorización e vulneran, segundo a lexislación vixente, o dereito á imaxe e ao honor das e dos lugueses, e deben ser retirados ou ben proceder a súa autorización por parte das administracións competentes.
O acontecido
Cabe recordar que a Delegación do Goberno remitiu un escrito ao MpDC, logo de que o colectivo tivese preguntado ao respecto, no que indicaba que os permisos das cámaras caducaron o 18 de abril de 2008 e que o Concello Lugo non solicitou a renovación anual correspondente e a dita institución tampouco fixo nada ao respecto chegando, deste xeito, a unha actitude totalmente pasiva no exercicio das súas funcións. Ademais ambas as dúas institucións están incumprindo a lexislación e vulnerando o dereito á propia imaxe das persoas.
O Valedor inicia accións ante o Concello de Lugo polas cámaras de videovixilancia do Ceao
Written By MpDC on 11/6/10 | 13:38
Etiquetas:
Concello de Lugo,
Dereito ao honor intimidade e á imaxe,
Videovixilancia
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario