No actual escenario de crise sistémica, un novo espectro parece percorrer a vella Europa, o espectro da dereitización da vida política nos diferentes estados e nacións. O penúltimo en caer, o laborismo británico, tras a perda nas pasadas eleccións do número 10 de Downing Street polo sucesor de Tony Blair á fronte do New Labour, Gordon Brown. É de supor que o presidente español, Rodríguez Zapatero, do PSOE, e mais o seu homólogo portugués José Sócrates, do PS, estarán a sentir nas súas respectivas calugas o ar xeado dunha posíbel derrota nas urnas cando afronten (quen sabe se antecipadamente) unha vindeira cita electoral nos dous estados ibéricos.
Tamén habería que reflectir no pouco satisfactorio que lle debe estar a resultar ao PASOK grego, con Giorgios Papandreu á fronte, a súa vitoria electoral e conseguinte acceso ao goberno do país helénico, sumido nunha auténtica deleiba económica, política e social, tras o arreón que a crise que lle está a dar a Grecia, unha das economías máis febles da chamada Zona Euro e que hoxe atravesa unha situación realmente dramática, e especialmente lesiva para os intereses da clase traballadora grega, abocada a un maior empobrecemento e a unha laminación dos seus dereitos laborais e sociais. Certo é que, ante esta agresión do capital, os traballadores helenos están a manter un envexábel nivel de resposta social, con xa cinco exitosas folgas xerais convocadas e mantendo un nivel de combatividade importante.
Porén, a caída en desgraza da vella socialdemocracia europea non é máis que a crónica anunciada dunha deriva política por parte dos que un día deron en borrar todo rastro de marxismo dos seus adentros e abrazaron, coa fe do converso, os dogmas e postulados do capitalismo rampante, agora en fase de tránsito entre o neoliberalismo e o posneoliberalismo.
Rafa Villar. Membro da Coordinadora do Movemento Galego ao Socialismo (MGS) e da Executiva do BNG.
Avanzos da dereita ou o novo espectro que percorre Europa (I)
Written By MpDC on 12/6/10 | 11:30
Etiquetas:
Dereito á folga e libre sindicación,
dereitos dos traballadores,
Opinión
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario