Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Irmán Daniel! por Bonaval volven cair como bágoas as estrelas

Written By MpDC on 4/6/10 | 23:51

Permitímonos o luxo de parafrasear os versos de Don Ramón Cabanillas, non para lembrarmos outra vez o pasamento de Daniel R. Castelao, grande patriota a quen lle impediron que o ar do seu último alento fose do seu país, condenado ao exilio pola triada española e asasina composta pola igrexa, o exército e o capital, e perseguido vil e cobardemente mesmo tras a súa morte, senón para denunciarmos que igrexa católica, coa colaboración necesaria da xustiza española, pretende violar Galiza profanando os seus mortos e pechando o lugar onde se atopan algúns do máis bos e xenerosos de entre os bos e xenerosos.

Baixo unha grande lousa de pedra, soterraron hai 26 anos o noso irmán Daniel con aleivosía, a traizón, mais non sen a comprida e necesaria resposta por parte do nacionalismo. Desbaratando os seus plans homenaxeamos todos os anos Castelao e Rosalía desde que Galiza Nova recuperara os actos previos ao Día da Patria Galega coa Arenga da Mocidade.

Démoslle vida á vella igrexa de Bonaval convertida no grande Panteón da Patria soñado por Murguía e Curros, honrando alí os nosos mortos máis senlleiros, colléndomos forzas do seu exemplo cada 24 de xullo para continuarmos na loita por vermos xa a nosa patria liberada, ou erguendo a voz nos actos máis solemnes do nacionalismo, renovando o noso compromiso patriótico con Alfredo Brañas ou Ramón Cabanillas e, por suposto, con Rosalía de Castro e Daniel Castelao, como testemuñas.

O recinto convertido en sagrado para o pobo foi un dos lugares onde despedimos a Uxío Novoneyra camiño do Courel ou máis recentemente, antes da súa derradeira visita á Santa Sabel de Outeiro de Rei, a Manuel María, o Poeta Nacional.

Os que odian Galiza, os asasinos do 36, os que escribiron a mellores páxinas da España negra, os mesmos que hai 24 anos pretendían manipularnos e ocultarnos Castelao, os mesmos que vilipendiaron Rosalía Castro ou excomungaron Curros para vingar o atrevemento das palabras escritas na lingua do pobo e para ergueren a esperanza no seu pobo volven hoxe á caza. Non lles chegou con todos os desprezos que na vida e na morte lle fixeron á pobre da tola. A súa raiba non ficou satisfeita co asasinato de Bóveda, co exilio e morte de Castelao. Non foi suficiente con enlousar ao noso irmán Daniel ao ritmo dos paus e balas de goma. Queren facer desaparecer os seus restos pechando as portas do lugar onde se atopan os verdadeiros apóstolos de Galiza, o ano e o día que os seus esbirros anuncian a proibición de impartirense en galego determinadas materias no ensino.

A cobardía e sumisión que a triada española da morte mostrou sempre cos fortes convírtese en desprezo e xenreira cos fébeis. A mala lei que nos teñen, que diría Rosalía. Moi santo ten que ser este 2010 para que toda esa mala lei sexa executada a golpe de DOG e sentenza xudicial. Poden estar satisfeitos de teren gañado o xubileo pechando a Porta Santa da galeguidade. Mais teñen que saber que como a Frouxeira, o 2010 será unha espiña cravada no corazón da súa España una.

Non é a primeira vez que nos pechan as portas, e posibelmente non será a derradeira. Portas máis grandes abrimos e seguiremos abrindo. O 24 de xullo, nas vésperas do Día da Patria Galega, estaremos co puño máis en alto que nunca en San Domingos de Bonaval con Galiza Nova para renderlle o merecido tributo a Rosalía e Castelao.

Marcos Maceira, membro da AC O Galo

0 comentarios:

Publicar un comentario