Hai apenas tres semanas, o 2 de maio, celebrouse un deses días que non se sabe moi ben de onde saíron pero que todas e todos admitimos como inamobibles: o Día da nai. Tradicionalmente, asumidos socialmente certos roles de xénero entendidos como “esencia”, para o Día do pai acostumábese a agasallar ao proxenitor con complementos relacionados coa vida profesional e/ou activa propia do masculino -garabatas, axendas, carteiras, cinturóns para vestir elegante, reloxos, xemelgos...- e para o Día da nai escollíanse máis ben agasallos floreados, rosas a maior abundamento, ou complementos de moda ou perfumería de toda índole para resaltar a beleza olfativa do feminino.
Os tempos cambian, tamén para as nais. Hoxe en día é habitual que o mundo da publicidade especializada nos “Días de” convide a parellas, maridos ou fillos a poñer moitísimo máis guapa a mamá a partir de produtos que agochan os poros da pel, manteñen o cabelo brillante todo o santo día ou marquen unhas boas cachas de adolescente aínda que unha xa ande pola corentena vital.
Esta constante represiva con claros tintes de corte consumista aparece en todo tipo de publicacións ou programas de radio e televisión supostamente dirixidos ás mulleres. O aproveitamento irracional dos tradicionais roles e estereotipos chega a sinalarnos como propio da “muller moderna” aquilo que tradicionalmente se lles supuxo e impuxo desde o conxunto da sociedade ás persoas do sexo-xénero feminino. E todo isto pola pasta, porque habedes saber que a cada complexo, a cada parte do corpo dunha muller que non se axuste ao milímetro a un patrón pouco saudable e realista, que non queda moi claro que tivese sido libremente escollido nin polas mulleres nin polos homes, existe un produto, ou un tratamento, ou un complemento de moda que, como aliado indiscutible desta neo-muller, resolve, e de qué maneira, todos os teus problemas e desaxustes co canon “ideal” de beleza.
Cando falamos de publicacións ou programas de radio e televisión non esquecemos a imaxe feminina transmitida ás nenas e rapazas novas nin nas “súas” revistas nin nos “seus” programas. A agresión constante ao corpo da muller, da muller real, comeza desde que unha nena merca unha publicación onde un Piolín, unha bruxiña ou un Harry Potter calquera disfrazan de falso e aparente infantilismo uns contidos que, á hora de profundizarmos, revelan, e de qué maneira, todo este universo do acomplexamento activo das rapazas, o universo das pernas curtas e das pernas longas. Dos brazos curtos e rechonchos, dos brazos delgados e longos. Das orellas grandes e das orellas pequenas. Da cintura estreita, da cintura ancha. Dos lunares e manchas na pel ou da pel branquiña e venosa. E en canto teñen unha idade -non moita, non vos pensedes- do peito avultado ou do peito plano. E os horóscopos....esa constante. Unha muller que le revistas “femininas” desde que ten seis anos ata os oitenta, é un dicir, sempre atopará unha sección adicada á astroloxía. A partir das historias de maxia das que todos e todas gozamos de cativos, constrúese o universo astrolóxico onde o determinismo estelar marca ata un punto inimaxinable o noso devir escolar, académico, sentimental e profesional. No caso das mulleres é tan obsesivo que resultan unha auténtica fábrica de producir complexos e inseguridades. No caso das nenas e das preadolescentes, a astroloxía proposta é unha arma de construción masiva de problemas psico-sociais, estereotipos de xénero e cultura da competividade entre mulleres.
A Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña, nós, entendemos que estas prácticas reproducen condutas pouco saudables, tanto para o físico como para o psíquico, nunhas rapazas, futuras mulleres, que se atopan nun proceso vital de construción da súa personalidade. Co ánimo de deconstruírmos a linguaxe destas publicacións, naceu o proxecto-exposición DESENFOCADAS. A partir de dezasete paneis temáticos, faise un percorrido polos contidos das revistas dirixidas a rapazas novas desde que son primeiras leitoras, seis-sete anos, ata a fronteira da maioría de idade. Deixando que os propios contidos seleccionados de case unha vintena de publicacións, adquiridas polo noso Departamento o mesmo día no mesmo punto de venda, falen por si mesmos, e a partir dunhas sinxelas preguntas dirixidas a xenerar o mínimo espírito crítico necesario ante a transmisión directa de múltiples e variados contidos que inclúen desde referencias sentimentais, máxico-astrolóxicas, estético-cosméticas, erótico-sexuais a partir da preadolescencia, ata recomendacións alimentarias, musicais, televisivas, cinematográficas ou de tendencias de moda....
Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá
Concello da Coruña
A imaxe feminina e a educación non formal (I)
Written By MpDC on 19/6/10 | 11:00
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario