Estamos ante o que algúns denominan, non sen certo puritanismo, a sexualización das rapazas. Unha sexualización, en todo caso, que procura única e exclusivamente a temperá introdución dun consumismo irracional nacido a partir da xeneración de falsos complexos e inseguridades que determinan a estas xoves cara ao obsesivo mundo da apariencia física e da conculcación de valores superficiais que condean a estas futuras mulleres a unha competencia permanente que precisa para defendérense dun bo arsenal de “aliados” cosméticos, estéticos, bio-naturais, bio-bífidos ou mesmo tecnolóxicos. Basta observar qué se publicita detrás de todas estas “fontes” de información e mesmo de educación non-formal. E todo con lindas cores, personaxes atractivos das túas series ou grupos favoritos, agasallos incribles como pintalabios con purpurina, lazos para o pelo para bruxiñas, uñas postizas, cosmética preadolescente que está pero non se nota para ir a clase, bisutería plasticosa en tons pastel, falsos pearcings e tangas. De cores. Cómo competir contra isto se es un pobre e esquecido manual de secundaria?. É un dicir.
Pero non todo debe ser caer en repetidas lamentacións ou reiterados derrotismos á hora de enfrontarnos a estas mensaxes. Por isto mesmo, ao tempo que comezamos un roteiro que levou a exposición DESENFOCADAS e prácticamente todos os centros de ensino secundario e de bacharelato da Coruña, puxemos en marcha a revisión positiva do universo feminino, da auténtica “nova muller” no festival Mulleres: arte+parte, do que van celebradas dúas edicións con excelentes críticas e éxito de público. Mulleres de hoxe, mulleres do porvir, exercendo o seu protagonismo sen complexos. Desde o cinema, a música, a pintura, a danza, o cómic, o grafitti, as publicacións de temática feminista, etc.
Hai unha semana inauguramos o espazo web da nosa Concellaría dentro da web municipal do Concello da Coruña. Foi un proceso lento, xa que ao partirmos da nada ou da case nada herdada hai tres anos, tivemos de construír todas e cada unha das informacións aí recollidas. Unha das aplicacións que a concelleira Margarida Vazquez quería introducir era a posibilidade de abrirmos foros de debate abertos ao conxunto da cidadanía. O primeiro que abrimos titúlase, en coherencia co traballo por nós desenvolvido, “Cosmética e estética”. Podedes acceder a el desde coruna.es/igualdade ou entrar directamente desde http://igualdadecoruna.blogspot.com/2010/04/foro-de-debate-cosmetica-e-estetica.html . É recomendable participar. É saudable opinar.
Non podo dar por pechada esta colaboración sen lembrarme daquela rapaza de apenas once ou doce anos que durante unha visita guiada á nosa exposición “DESENFOCADAS: Imaxe feminina nas revistas dirixidas a rapazas novas”, e despois de percorrer prácticamente todos os paneis, dixo en alto dirixíndose á súa trintañeira profesora: “Es que las chicas somos contenedores de los chicos”, expresión sincera que deixou muda á profesora, quen a continuación expresou sotto voce: “E qué lle digo eu a esta rapaza?”
Pois iso, que lles dicimos a estas rapazas?
Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá
Concello da Coruña
A imaxe feminina e a educación non formal (e II)
Written By MpDC on 20/6/10 | 11:00
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario