O Movemento polos Dereitos Civís pregúntase polo uso que se lle puido ter aos dispositivos de video vixilancia da cidade no que respecta á operación Carioca. Tendo en conta que é unha operación policial dirixida polo Estado e comandada polas forzas e corpos de seguridade, o MpDC sospeita que as cámaras puideran ter sido empregadas na dita operación.
Ben como elementos de seguimento das mozas, para as identificar ou como rexistro de imaxes das mesmas sospeita Dereitos Civís que estes artefactos puideran ser usados. Se iso ter acontecido, tanto o Concello como a Delegación do Goberno, como os propios corpos policiais como o Ministerio correspondente incorrerían nun grave delito contra os dereitos das persoas.
A pesar da ilegalidade das cámaras instaladas, -feito acreditado por esta asociación en máis dunha ocasión- nin a Delegación nin o Concello proceden á súa retirada. Estes dispositivos funcionan sen ningún tipo de autorización e vulneran, segundo lexislación vixente, o dereito á imaxe e ao honor das e dos lugueses.
Neste caso non entran só os dereitos dos e das cidadáns desa urbe, senón que mozas que se viron envoltas en redes de prostitución poderían ter sido gravadas sen o seu consentimento e o que é aínda máis grave, as súas imaxes poden ter sido vistas por persoas non autorizadas.
Asimesmo, hai que destacar non está comunicado no rexistro xeral da Agencia española de Protección de Datos a creación dun ficheiro de imaxes, tal e como se establece na normativa actual. Esta comunicación á AEPD é a que permite aos cidadáns que son gravados polas cámaras exercer o seu dereito de acceso, rectificación ou cancelación dos datos persoais contidos nos citados ficheiros e, xa que logo, salvagardar o seu dereito á honra, propia imaxe e intimidade.
É nese sentido que o MpDC se preocupa polos destinatarios desas imaxes, debido a que se está a producir unha vulneración máis que indignante dos dereitos das persoas ao estas cámaras funcionaren sen as autorizacións pertinentes.
Trámites legais
Se o Concello de Lugo non retira as ditas cámaras, o MpDC procederá a realización dun requirimento por vía xurisdicional para que se leve a cabo a retirada das mesmas.
De a asociación continuar con este asunto é porque, a pesar da ilegalidade das cámaras instaladas, nin a Delegación nin o Concello de Lugo proceden a súa retirada e aínda por riba o Concello de Lugo está incorrendo na vía de feito ao ter instaladas unhas cámaras de vídeo vixilancia sen os preceptivos informes esixidos legalmente ao amparo do disposto da Lei 4/97 de 4 de agosto.
Agardemos que este comunicado do MpDC faga as institucións responsábeis reflexionar e se acollan, dunha vez, á legalidade eliminando o que supón unha vulneración constante dos dereitos das persoas.
Ao MpDC preocúpalle o uso que se lles puido ter dado ás cámaras de Lugo
Written By MpDC on 21/6/10 | 17:15
Etiquetas:
AGPD,
Concello de Lugo,
Concello de Pontedeume,
Concello de Santiago de Compostela,
Defensor del Pueblo,
Dereito ao honor intimidade e á imaxe,
Dereito das Persoas,
Valedor do Pobo,
Videovixilancia
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario