Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC volve requerirlle ao Concello de Lugo que cumpra coa lei

Written By MpDC on 9/4/10 | 18:09

O Movemento polos Dereitos Civís vén de presentar un escrito ante o Concello de Lugo para que adopte as medidas oportunas para a retirada das cámaras de vídeovixilancia instaladas na zona monumental da súa cidade e calquera outra medida para cesar a instalación de cámaras de vídeovixilancia que non conten coas preceptivas autorizacións ou informes esixidos legalmente e sen ampararse en resolución legal algunha.

Se o Concello de Lugo non retira as cámaras, o MpDC procederá a realización dun requirimento por vía xurisdicional para que se leve a cabo a retirada das mesmas.

De a asociación continuar con este asunto é porque, a pesar da ilegalidade das cámaras instaladas, nin a Delegación nin o Concello de Lugo proceden a súa retirada e aínda por riba o Concello de Lugo está incorrendo na vía de feito ó ter instaladas unhas cámaras de vídeo vixilancia sen os preceptivos informes esixidos legalmente ao amparo do disposto da Lei 4/97 de 4 de agosto.

Os dispositivos funcionan a día de hoxe sen ningún tipo de autorización e vulneran, segundo a lexislación vixente, o dereito á imaxe e ao honor das e dos lugueses, e deben ser retirados ou ben proceder a súa autorización por parte das administracións competentes.

Agardemos que o Concello de Lugo reflexione e se acolla, dunha vez, á legalidade eliminando o que supón unha vulneración constante dos dereitos das persoas.

O acontecido

Cabe recordar que a Delegación do Goberno remitiu un escrito ao MpDC, logo de que o colectivo tivese preguntado ao respecto, no que indicaba que os permisos das cámaras caducaron o 18 de abril de 2008 e que o Concello Lugo non solicitou a renovación anual correspondente e a dita institución tampouco fixo nada ao respecto chegando, deste xeito, a
unha actitude totalmente pasiva no exercicio das súas funcións. Ademais ambas as dúas institucións están incumprindo a lexislación e vulnerando o dereito á propia imaxe das persoas.

O Movemento indignábase fai uns meses ante a resposta do Concello de Lugo ás alegacións feitas polo Movemento expoñendo que a asociación carece de lexitimación para impugnar un acto da administración cando segundo a doutrina do Tribunal Supremo, o Movemento polos Dereitos Civís está legalmente habilitado para a defensa dos dereitos e intereses lexítimos.

Como asociación sen ánimo de lucro en defensa dos dereitos civís que é, pode interpór un recurso contencioso administrativo e esixir responsabilidades a quen corresponda. Neste caso, o MpDC iniciou un procedemento contencioso administrativo fronte a Delegación do goberno e Concello de Lugo pola instalación das cámaras de videovixilancia instaladas na zona monumental de maneira ilegal.

O MpDC descoñece por que o Concello de Lugo ataca o Movemento acusándoo de ilexítimo para poder denunciar unha irregularidade, en lugar de se poñer a solventar o problema da ilegalidade instalación de cámaras de videovixilancia no casco histórico da cidade.

A lexislación establece que a autorización das cámaras de vídeo vixilancia débese renovar de xeito anual e, especificamente, di que a solicitude se deberá tramitar dous meses antes de que expire a autorización. Respectar o marcado na normativa que regula a vídeo vixilancia é a única maneira de ofrecer as garantías xurídicas mínimas para o libre exercicio dos dereitos fundamentais dos cidadáns, así como evitar usos raudulentos dos dispositivos.

Asimesmo, hai que destacar non está comunicado no rexistro xeral da Agencia española de Protección de Datos a creación dun ficheiro de imaxes, tal e como se establece na normativa actual. Esta comunicación á AEPD é a que permite aos cidadáns que son gravados polas cámaras exercer o seu dereito de acceso, rectificación ou cancelación dos datos persoais contidos nos citados ficheiros e, xa que logo, salvagardar o seu dereito á honra, propia imaxe e intimidade.

Cabe recordar

O Movemento polos Dereitos Civís quere recordar que fai dez anos uns policías locais do Concello de Lugo foron acusados por empregaren as cámaras de tráfico para gravar unha parella no interior da súa casa.

Ademais, os empresarios do polígono industrial do Ceao aseguraron fai uns días na prensa que desde que instalaron as cámaras de videovixilancia no polígono a delincuencia baixou considerablemente.
Ao MpDC gustaríalle ver algún informe cuantitativo que achegue datos obxectivos e contábeis sobre o descenso da criminalidade nesa zona, porque aínda que se presupón que as cámaras disuaden os criminais, ese feito non está demostrado. De feito, a finais do ano pasado un informe da propia Policia de Lugo aseguraba que a delincuencia na cidade
subira desde o 2000, a pesar de teren cámaras de videovixilancia instaladas.

A vista dos antecedentes que ten a cidade de Lugo en materia de vidiovixilancia, o Movemento cre que é hora de que comecen a regular a súa situación e respeten os dereitos das persoas.

0 comentarios:

Publicar un comentario