Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC solicita información á Policía Nacional sobre unha actuación desproporcionada

Written By MpDC on 8/4/10 | 11:35

O Movemento polos Dereitos Civís vén de presentar un escrito ante a Xefatura Superior de Policía de Galiza, para solicitar información sobre a actuación do Corpo Nacional de Policía o 9 de marzo de 2010, en relación coa detención do Secretario comarcal da CIG, Salvador Cerqueiro.

O MpDC amosou, no seu momento, a súa máis enérxica repulsa á detención do Secretario comarcal da CIG-Servizos de A Coruña, Salvador Cerqueiro, que foi conducido á Xefatura Superior de Policía, retido e fichado, sen que en ningún momento se lle explicasen as razóns de tal actuación. Coma daquela, a asociación pide unha explicación sobre os motivos que levaron á Policía Nacional a deter dun xeito desproporcionado a este cidadán. Ao respecto, o colectivo xa pedira explicacións á Delegación do Goberno e á inspección de persoal da policía a través de sendos escritos e estes responderon que non era da súa competencia.

Cabe lembrar tamén que, lonxe de practicar a detención de Cerqueiro, a policía procedeu á identificación de dous delegados desta central que participaban nunha concentración diante da Xefatura, mentres que ao Secretario Nacional da Federación tomáronselle os datos por ser “susceptíbel” de ter cometido algún acto delituoso. O MpDC non pode senón denunciar esta violación dos dereitos fundamentais lesados
ademais sen ningún tipo de xustificación.

O acontecido

Os feitos iniciáronse a mañá do 9 de marzo cunha chamada da policía ao secretario comarcal da CIG-Servizos para solicitarlle que acudira á comisaría durante esa tarde, sen aclarar os motivos de tal citación. Cando a tarde Salvador Cerqueira comunicou que non acudiría á citación porque tiña unha reunión nunha empresa, “non pasaran nin cinco minutos cando apareceu unha parella de axentes na porta da miña casa para levarme á comisaría”, afirmou o sindicalista.

Non obstante, os axentes non comunicaron ao afectado en ningún momento os motivos da detención, sinalando soamente que esta acción tiñan a ver co conflito nas instalacións deportivas, procedendo á apertura dunha ficha de identificación, así como á súa retención durante máis dunha hora. Neste senso, cabe lembrar que a detención do secretario comarcal da CIG-Servizos prodúcese horas despois do acordo entre patronal e sindicatos e da suspensión da folga indefinida.

Pouco despois da saída de Cerqueiro da Xefatura, a policía chamaba a dous delegados sindicais que participaban na concentración de repulsa á detención do responsábel de Servizos para identificalos en relacións a feitos acontecidos durante a folga de instalacións deportivas, comunicándolles que serán chamados polo xulgado. Asimesmo, o
Secretario nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, tamén foi identificado de xeito “preventivo”.

De novo e ante estas actuacións desproporcionadas e propias dunha ditadura e non dunha democracia, o MpDC non pode senón reiterar a súa condena máis firme ademais de lembrar que fai escasamente dúas semanas os corpos e forzas de seguridade cargaron sen ningún tipo de motivo e de xeito brutal contra os mesmos traballadores de nstalacións Deportivas, sen esquecer o esperpento que tamén protagonizaron os
policías cando entraron a retiar uns “mecos” que colgaban nas fiestras do instituto de Celanova.

O Movemento solicita que as administracións contactadas respondan ante estes feitos e alerta da indefensión á que se atopa sometida a cidadanía por parte dos corpos e forzas de seguridade, que actúan sempre en connivencia coas institucións públicas e contra os intereses da sociedade cando se trata de temas ou cuestións contrarias ao “poder establecido”.

0 comentarios:

Publicar un comentario