Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Equilibrio no ensino para o desequilibrio social

Written By MpDC on 10/4/10 | 10:17

Se nunha das partes da balanza hai máis peso ca na outra, para intentar equilibrala non se pode incrementar en igual medida a carga de cada lado. Iso só fará estabilizar o desequilibrio.

E, polo tanto, é de xustiza social a normalización lingüística, que o goberno da Xunta fai desaparecer, implícita e explicitamente, no mal chamado decreto do plurilingüismo. Lonxe de procurar novos ámbitos de uso, obriga, impón, sen ningún motivo pedagóxico nin sociolingüístico, que o profesorado teña que abandonar o uso do galego en determinados espazos e retiralo das súas clases, materias, libros, exercicios e exames. Disque, por tradición, as matemáticas, a física, a química e a tecnoloxía obrigatoriamente son en castelán... Ah, mais non pasa nada, pois xenerosamente danlles permiso a nais e pais para teren na casa libros en galego. Moitas grazas!

E, como acadarán as rapazas e os rapaces competencia lingüística en galego sen teren que usalo? Pódese aprender un idioma sen practicalo? Pódese aprender, como dixo Xurxo Borrazás, a montar en bici cun manual de instrucións, sen bici?

Dá igual que non aprendan. Xa anunciaron que, aínda que non se cumpra ese obxectivo primordial de acadar plena competencia en galego, o decreto non se mudará. Iso si que é planificación! Xa teñen planificado o que vai pasar, que é, pase o que pase, non mudar o seu unilateral decreto. Porque o importante é manter o equilibrio no ensino. Porque o importante é manter o desequilibrio na sociedade.

E se tamén queren equilibrio na TVG? O 50% de programas en galego e o 50% en castelán. Por tradición, luares e sucesos en galego, e o cinema, claro, en castelán (iso si, darán permiso para que quen queira poida mercar a película en galego, se a hai, para ter na casa). E na Radio Galega. E na publicidade institucional, nas intervencións dos cargos públicos, etc. No Parlamento, se cadra poderanse facer en galego as intervencións sobre cultura, medio rural e pesca; as de economía, industria, sanidade e xustiza, en castelán, claro.

Éche o que ten o equilibrio e a tradición.

Éche o que ten a súa Galicia Bilingüe e a súa Liberdade Lingüística.

Nel Vidal Barral
Presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL)

0 comentarios:

Publicar un comentario