Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC reuniuse con Daniel Luna, activista mexicano polos dereitos civís

Written By MpDC on 3/3/10 | 12:19

O Movemento polos Dereitos Civís reuniuse este martes con Daniel Luna, activista político mexicano do Fronte Nacional de Loita polo Socialismo (FNLS), para coñecer a súa situación persoal e a que vive o seu país, ademais de para presentarlle a asociación e intercambiar experiencias sobre os dereitos das persoas e dos pobos.
Daniel Luna interesouse pola actividade social e sen animo de lucro que está a levar a asociación en defensa dos dereitos civís na Galiza. Logo contounos a súa experiencia como activista na FNLS e a súa defensa do dereito agrario, que é o dereito á propiedade social da terra por parte dos indíxenas. Este dereito agrario vese vulnerado na rexión de Chiapas, ao sur do país, pola explotación mineira.
Tal e como contou na xuntanza, esta explotación mineira estase levando a cabo por parte de empresas canadenses que obtiveron as licencias de explotación por parte do goberno, sen informar e sen autorización das persoas que habitan nesa zona. Cando asociacións, como a de Daniel Luna, comezaron a investigar as explotacións e se decataron de todas as ilegalidades e vulneracións ocorridas, desde violacións ás leis ambientais, ás da saúde, así como o roubo das terras aos indíxenas, iniciaron unha campaña de información á poboación e de denuncia ante as administracións.
Logo de moitas notas de prensa, xuntanzas e mitins optaron por bloquear os camiños de acceso ás minas. Isto desencadeou unha política de ataque a esas asociacións por parte das administracións utilizando aos medios como voceiros das acusacións. Acusáronos de trafico de armas, de narcotraficantes, traficante de indocumentados e de estar organizando un atentado armado contra o país. Todo por defender os seus dereitos e os do seu pobo.
Os voceiros das asociacións que defenderon os dereitos humanos, civís e ecolóxicos ante as denuncias e o hostigamento inferidos por parte das forzas armadas decidiron fuxir de México e buscar axuda en Europa.
Neste sentido, o colectivo valora “moi positivamente” a dita xuntanza, a que, segundo os responsábeis do mesmo, foi “enriquecedora e valente”. Se se emprega ese cualificativo é para ensalzar o labor que está a realizar Diego Luna quen, desafiando o aplastante Estado mexicano, vén dar conta á comunidade internacional das graves vulneracións dos dereitos que el e os seus concidadáns están a sufrir.
Desde o Movemento polos Dereitos Civís non podemos facer máis que amosar o noso máis sincero apoio aos nosos homólogos e condenar a situación que viven. O MpDC estende a súa solidariedade co pobo chiapaneco e coas demais comunidades indíxenas que están a ver privados e mermados os seus dereitos, apoio que lle trasladou a Daniel Luna neste encontro mantido onte.

0 comentarios:

Publicar un comentario