Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC avoga pola creación dunha Axencia Galega de Protección de Datos

Written By MpDC on 4/3/10 | 13:24

O Movemento polos Dereitos Civís propón a creación dunha Axencia Galega de Protección de Datos como resposta ao desbordamento de casos que está a sufrir a Axencia Española de Protección de Datos. Ademais, se o colectivo fai esta proposta é porque a efectividade e a dilixencia do organismo estatal “deixan moito que desexar”, afirmou o voceiro da sociación Renato Núñez.

Se ben, esa falta de cumprimento coas súas obrigas é algo que o Movemento leva moito tempo denunciando. Ademais, consideramos que a mala xestión da Agencia se debe en parte á falta de persoal do organismo para atender correctamente e nun prazo razoábel as queixas dos cidadáns.

A situación de desbordamento da AEPD chegou ata tal punto que a propia axencia púxose en contacto coa asociación para pedirnos que limitásemos o envío de denuncias a un escrito por semana. É a actitude errática da AEPD no tocante á defensa dos dereitos dos cidadáns unha das principais causas polas que o MpDC avoga por este organismo galego.

Ante a propia confesión de incapacidade de actuación da AEPD e tendo en conta todas as irregularidades que se cometen na Galiza en relación co cumprimento da lexislación sobre protección de datos, o MpDC suxire a creación dunha axencia que protexa os datos persoais dos cidadáns galegos en todo o seu abanico dende posibles vulneracións de unha mala xestión dos datos, como vulneracións de dereitos de información, acceso, rectificación, oposición e cancelación de datos.

A futura Axencia Galega de Protección de Datos debería constituir un ente de dereito público con personalidade xurídica propia e plena capacidade pública e privada e actuar con independencia das administracións públicas no exercicio das súas funcións, feito que non
está a cumprir a AEPD. A lei orgánica 15/1999 de protección de datos de carácter persoal será a normativa pola que debería regularse e pola que actuar.

Aos ollos do Movemento, as funcións da Axencia Galega serían atender as peticións e reclamacións dos galegos e informalos sobre mos seus dereitos. A Axencia tamén se encargaría de custodiar os datos, relativos a imaxes, contratos, conversas, etc que sucedan na Galiza.
No caso das ilegalidades, a axencia ordenaría o cese no tratamento e a cancelación os datos e terá potestade sancionadora. En materia de telecomunicacións tutelará tamén os dereitos e garantías dos abonados e usuarios no ámbito das comunicacións electrónicas.

Nas xuntanzas que o MpDC mantivo recentemente coas forzas políticas con representación no Parlamento, todas elas deron unha moi boa acollida e amosaron interese, así como deron o seu apoio á proposta da creación dunha Axencia Galega de Protección de Datos.

A defensa dos dereitos de galegas e galegos pide a berros a creación deste organismo

Galiza necesita unha Axencia de Protección de Datos Persoal que achegue solucións a todos os casos de vulneración da lei de protección de datos de carácter persoal. Estamos chegando a un punto, sobre todo en materia de videovixilancia, onde impera a lei da irregularidade.

Se temos como exemplo os concellos galegos vemos que continúan a vulnerar os dereitos á intimidade e á propia imaxe dos cidadáns instalando cámaras de videovixilancia sen contar coas autorizacións que esixe a Lei Orgánica 4/1997 e coa complicidade da

Delegación do Goberno, institución que aplica a política de feitos consumados outorgando as licenzas a posterior en lugar de esixir a retirada dos dispositivos. A AEPD non actúa nestes casos ou tarda moito tempo en emitir sentenza. Ademais, cando o fai moi poucas veces ten en conta os dereitos civís.
Existen casos coma o da instalación videovixilancia na empresa de recollida de lixo Urbaser, que levan máis dun ano sen obter resolución da AEPD a pesar de que, segundo a dita institución, aprecian a existencia de indicios susceptibles de motivar a imputación por
infracción, entre outros moitos abertos polo MpDC.

Debido a todas estas eivas, a solución parece ser a creación deste organismo galego, para o que o Movemento polos Dereitos Civís puxo ao dispór das forzas políticas o seu asesoramento á hora dar os pasos necesarios que permitan descentralizar a defensa dos dereitos das persoas no que ten que ver coa protección de datos.

0 comentarios:

Publicar un comentario