Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

As causas deben facerse ben e o Xacobeo debe beneficiar a toda Galiza

Written By MpDC on 28/2/10 | 11:30

Veño de pasar algúns días en Madrid con motivo da presencia de Ourense na trixésima edición de FITUR. Na feira a tónica dominante era, como non, o turismo e as súas implicacións económicas. No stand de TURGALICIA, onde Ourense estaba representada xunto con outras 17 vilas e cidades, o debate trasladábase as celebracións do Xacobeo 2010 e o que representa para a nosa terra. Tiven a oportunidade de asistir ao acto de presentación do programa para este ano, no que todo foron boas palabras e mellores desexos para un Xacobeo que colocará a Galiza no mapa e atraerá, millón arriba millón abaixo, máis de 8 millón de peregrinos ás nosas terras.

Ante tanto balbordo mediático de cifras e promesas, algúns apelan á prudencia de cara a este 2010. Comparto a opinión, manifestada xa por moitos, de que Galiza non acollerá un Xacobeo tan exultante como nos veñen dicindo sen antes estar preparada para celebrar dito evento. E iso non pasa pola promoción nin polos persoeiros convidados, senón que debe estar apoiado sobre unhas infraestruturas sólidas e na conservación do patrimonio, material e inmaterial, que actúa como reclamo ante esos turistas. Se, como prometeu Núñez Feijóo durante a súa intervención no acto do pasado venres, o Xacobeo vai actuar como un factor de dinamización económica nos máis de 100 municipios da comunidades polos que pasa o Camiño, é moito o traballo que ten pendente e moi pouco o tempo para desenvolvelo.

Pola parte que nos toca, Ourense comeza a facer tamén ese camiño; sendo unha parada obrigatoria para aqueles que se achegan a Santiago pola Vía da Plata, a segunda ruta máis transitada despois do Camiño Francés. Pouco antes de facermos as maletas para FITUR; Concello e Xunta achegaban posturas para a cesión, por parte da Consellería de Educación, da antiga escola fogar de Mariñamansa, que nos permitirá contar con máis de 150 prazas para acoller os peregrinos que nos visitan.

É un xesto que valoramos, pero co que non nós conformamos. Sen sair do tema e por por sobre a mesa todos aqueles temas nos que a Xunta está en débeda con Ourense, dende a reforma da nosa Praza de Abastos até o compromiso forte coa nosa industria termal, cómpre lembrar que Ourense aínda está a agardar pola financiación prometida dende o Xacobeo para a rehabilitación do Pórtico do Paraíso da nosa Basílica, réplica policromada do da Gloria e un dos elementos máis singulares do noso patrimonio arquitectónico. O compromiso para a súa financiación fora feito público polo anterior xerente do Xacobeo, e converteuse en papel mollado co troco no goberno autonómico e na xestión do ente. O compromiso chegaba en febreiro do pasado ano e a comezos de vrao saltaba a alarma. O Concello de Ourense en pleno aprobaba en xuño unha moción promovida dende o grupo muncipal do BNG requerindo á presidencia resposta sobre os cartos. A pregunta trasladouse tamén ao Hórreo por voz dos deputados nacionalista Tareixa Paz, Suárez Canal e Carme Adán. A día de hoxe continuamos no silencio.

Non quero ser eu o augafestas dun evento único que todos os galegos ollamos con ilusión, pero as cousas deben facerse ben. Menos desidia e máis dilixencias cos compromisos. A mellor forma de evitar eses “debates localistas” que tan mala prensa teñen é que toda Galiza saia beneficiada deste Xacobeo 2010.


Andrés Garcia / Tenente de Alcalde de Ourense

0 comentarios:

Publicar un comentario