O Movemento polos Dereitos Civís ven de presentarlle un escrito ao IES Celanova e a Policia Local da localiade ourensana pedíndolles información sobre a desproporcionada actuación da policía no citado centro de ensinanza o pasado entroido. Uns "mecos" colgados das fiestras do instituto que aludían ao posible traslado do centro foron retirados nunha manobra policial totalmente fóra de lugar.
Desde o MpDC enténdese que a actuación policial, respaldada pola dirección do IES Celanova, supón unha vulneración do libre dereito á educación e á liberdade de expresión.
É coñecido que os centros de ensino organizan actividades arredor do entroido. No IES de Celanova unha destas actividades versou sobre a actualidade que rodea o traslado do centro pero a Policía Local e posteriormente a policía adscrita "procederon a contactar co equipo directivo para intentar a retirada dos bonecos, segundo parece debido a unha denuncia”, tal e como informou o Faro de Vigo na súa edición de Ourense.
É sorprendente que se empreguen os corpos de seguridade para impedir unha actividade de Entroido nos centros educativos, feito que lembra máis á ditadura franquista que a unha democracia. Desde a asociación critícase enerxicamente este despregue de forzas e corpos de seguridade cuxo fin foi retirar uns bonecos dun edificio.
Parece, aos ollos do Movemento, que a finalidade desta acción puidera ser a de intimidar a cidadanía para que cese nas críticas ao traslado do centro, feito que, de ser certo, sumaríase á longa lista de despropósitos cometidos polos corpos policiais contra todo aquilo que poida desestabilizar as decisións tomadas polas administracións.
Ademais, o MpDC tamén cre que este feito atenta contra a liberdade de expresión, xa que unha parte da sociedade se veu privada deste dereito ao censurarse a súa posibilidade de manifestar publicamente unha opinión. A todas luces, unha actuación policial deste calado merece ser explicada no Parlamento, xa que estamos asistindo a un abuso da autoridade e a unha privación das liberdades e dos dereitos das persoas intolerábel en calquera sociedade.
O MpDC pide información sobre a actuación policial acontecida en Celanova
Written By MpDC on 1/3/10 | 13:20
Etiquetas:
Concello de Celanova,
Dereito á Liberdade de Expresión,
Dereito das Persoas
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario