Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

PROPIEDADE INTELECTUAL ¿CAIXÓN DESASTRE?

Written By MpDC on 27/2/10 | 11:30

Recentemente, púxose de moda meter no mesmo saco os dereitos de autor, as patentes e as marcas (entidades separadas e distintas reguladas polos conxuntos de leis separados e distintos) e chamarlles “propiedade intelectual”.

Di a Lei que é autor dunha obra literaria, artística ou científica a persoa natural só polo feito da súa creación.

Atopámonos así con que integran a propiedade intelectual unha serie de dereitos de carácter persoal e/ou patrimonial que atribúen ó autor e a outros titulares a disposición e explotación das súas obras e prestacións.

Deste xeito non nos debería sorprender que a utilización de obras e prestacións sen autorización dos titulares supoña unha infracción dos dereitos de propiedade intelectual , contra as cales o titular pode exercitar as accións penais e/o civís previstas na lei, dende o momento da súa creación, recibindo os titulares a plena protección da lei dende ese momento .

Os dereitos de propiedade intelectual outorgan ademais do recoñecemento ós creadores, a retribución económica que lles corresponde pola realización das súas obras e prestacións, polo que para poder utilizar ditas obras precisase autorización dos titulares dos dereitos.

Algo esquecido pola inmensa maioría dos cidadáns é que cando o prazo de protección dos dereitos expirou, a obra ou prestación pasa ó dominio público , podendo se empregada por calquera, de forma libre e gratuíta

Nos tempos actuais , existe unha errónea crenza de que é imprescindible rexistrar unha obra para protexela , cando a inscrición no Rexistro da Propiedade Intelectual é totalmente voluntaria.

Sen embargo, non podemos obviar as vantaxes que ofrece dita inscrición no rexistro, que ademais de proporcionar unha proba cualificada de que os dereitos inscritos existen e pertencen ó seu titular, dalle publicidade ós dereitos inscritos. É suficiente con presentar unha solicitude perante o Rexistro da Propiedade Intelectual e pagar unha taxa, para que se atope inscrita a obra ou prestación.
A propiedade intelectual garante dereitos tanto de corte moral como patrimonial, e dentro destes últimos asegúranse dereitos relacionados coa explotación da obra ou prestación protexida ou dereitos compensatorios. Dereitos patrimoniais que son transmisibles a través de documento escrito.

Dende unha posición garantista dos dereitos máis fundamentais non estaría de mais a creación dunha Axencia Galega da Propiedade Intelectual , que tivera entre outros obxectivos , a xestión das obras orfas, o maior control das entidades de xestión ou a supervisión da utilización de medidas tecnolóxicas.


Eva Vales/ Asesora xurídica do Movemento polos Dereitos Civís

0 comentarios:

Publicar un comentario