Nunha coxuntura de forte crise económica como a actual, os concellos deben manter como eixo das súas prioridades o desenvolvemento de políticas sociais de calidade que axuden a paliar os efectos desa situación. Non podemos esquecer que os concellos son as administracións máis próximas á cidadanía e neles recae a responsabilidade de afondar nas prestacións de servizos sociais. É ao seu Concello ao primeiro lugar ao que se achega a cidadanía para solicitar as axudas coas que facer fronte as súas dificultades.
Como consecuencia da difícil situación económica que estamos a vivir os concellos estamos a experimentar un forte incremento das solicitudes para subsidios e subvencións diversas, pero os orzamentos municipais non son suficientes para dar resposta a todas elas. Porén, tanto a Xunta como o Goberno do Estado non parecen ser conscientes da gravidade desta situación. Se ben as administracións locais vense abocadas na actualidade a facer un maior esforzo económico para afondar nos servixos sociais, este esforzo non se ve respaldado polo correspondente aumento do financiamento por parte das administracións galega e estatal. Esta situación amosa, sen dúbida, a necesidade de avanzar cara a un novo sistema de financiamento, que sexa máis acaído ás necesidades dos concellos e que permita manter a proximidade na prestación dos servizos do benestar cos seus cidadáns e cidadás.
No caso de Vigo resulta patente a pertinencia de contar coa área metropolitana, que sexa un verdadeiro consorcio de servizos que vertebre o territorio. Sería un instrumento acaído para que a prestación de servizos á cidadanía se poda facer dun xeito coordinado entre os diversos concellos integrantes, pero sen incrementar os gastos e incluso reducíndoos.
O contexto que vivimos amosa as carencias da rede administrativa actual e pon en tela de xuízo o papel que xogan as deputacións. Estas adoitan ser entidades que non cumpren un cometido específico á hora de prestar servizos á cidadanía, pero que tampouco serven de soporte para soster as demandas dos concellos. A necesidade de redefinir a súa función, no mellor dos casos, é evidente.
Non se trata de duplicar administracións. Trátase, máis ben, de procurar as fórmulas administrativas máis axeitadas para o fin de dar resposta ás demandas da cidadanía nunha sociedade complexa, cambiante e irremediablemente global. É preciso deixar atrás institucións decimonónicas e dar paso a entidades do século vinteún que se rixan polos principios da igualdade de oportunidades e a xustiza social.
Santi Domínguez Olveira/Tenente de alcalde e concelleiro de Industria,Comercio e Turismo do Concello de Vigo
A situación de crise obriga aos concellos a reforzar a prestación dos servizos sociais
Written By MpDC on 30/1/10 | 11:04
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario