As eleccións presidenciais celebradas o pasado 29 de novembro en Honduras afírmanse viciadas de ilexitimidade. O triunfo electoral de Porfirio Lobo, do opositor Partido Nacional, non fai senón reafirmar o pacto establecido polos principais partidos políticos hondureños que se confabularon para derrocar, vía golpe de Estado, ao lexítimo presidente elector Manuel Zelaya o pasado 28 de xuño.
Este pacto que levou a Lobo ao poder ten un cerebro estratéxico, o presidente golpista de facto Roberto Michelletti, contando non só co apoio das oligarquías hondureñas, da Igrexa Católica e das Forzas Armadas, senón coa benevolencia táctica de Washington. Durante varios meses, a diplomacia estadounidense manexou diversas variables e escenarios en torno a Michelletti e Zelaya, probablemente coa pretensión de “queimar o tempo político”, a fin de achegarse a unhas eleccións que deran paso a un presidente “lexitimamente electo”.
A escasa marxe de lexitimidade democrática destes comicios confírmase ante as acusacións realizadas polo Fronte de Resistencia contra o Golpe de Estado, diversas ONGs de dereitos humanos e os propios simpatizantes de Zelaya, de aplicarse unha sistemática represión oficial, con detencións ilegais e arbitrarias, así como dun sostido abuso e acoso militar, que afondaron o clima de medo e polarización á hora de votar. A abstención, calculada por diversas fontes de un 70%, afirma igualmente esta sensación de ilexitimidade.
Non obstante, o clima postelectoral abre outros escenarios, que xirarán en torno a unha posible reunión entre Lobo e Zelaya baixo mediación dominicana (con consecuencias aínda incertas) así como as cartas que xoguen EEUU e Brasil, xunto con Venezuela consolidados como os actores externos máis implicados na crise hondureña.
O sórdido pulso mantido por Washington e Brasilia en torno á restitución presidencial de Zelaya quedará conxelado e, posiblemente, sepultado nas próximas semanas, en especial ante a perspectiva de que Zelaya termine constituíndose nun obstáculo que irrite as relacións entre EEUU e Brasil.
En canto a Porfirio Lobo, quen deberá agora medir ata qué punto é considerado no exterior como o novo presidente hondureño – só Colombia, Panamá, Costa Rica e Perú recoñeceron a súa vitoria, a falta de coñecer a posición decisiva de Washington- gobernará un país polarizado e fragmentado, cun 66% de pobreza e elevados índices de inseguridade cidadá, elementos que fortaleceran a súa proposta de “man dura”, co beneplácito dos militares e da burguesía.
Resta así observar cal será a reacción do Fronte da Resistencia e dos partidarios de Zelaya de cara á proclamación do novo presidente e dos novos poderes públicos en Tegucigalpa, que pode dar curso a unha maior conflitividade social e política. Tanto como o golpe de xuño pasado e a crise posterior, a farsa electoral do pasado 29 de novembro en Honduras revela un pernicioso exemplo para a democracia latinoamericana.
Roberto Mansilla Blanco é analista do IGADI.
Falacia democrática en Honduras
Written By MpDC on 4/1/10 | 11:43
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario