O financiamento local que o Goberno Central establece para os Concellos en base a participación nos tributos do Estado é gravemente discriminatoria para os concellos galegos.
Mais unha vez podemos comprobar na crúa realidade que é absolutamente ficticia a suposta solidariedade que Galiza recibe en materia de financiamento, tamén no ámbito local.
Os concellos galegos, que representan aproximadamente o 6,5% da poboación do Estado español, receben un 5,27% da participación nos ingresos do Estado. Mentres os concellos de Galiza receben 176,54 euros por habitante, a media no conxunto do Estado recebe 221,07 euros. Así, queda patente que o financiamento dos concellos desde o Estado é insuficiente e inxusto: só ten en conta a poboación (75%) e o esforzo fiscal (25%) e non ten en conta que os custos dos servizos en Galiza son máis altos que no resto do Estado pola dispersión poboacional. Neste sentido cómpre recordar que Galiza conta coa metade dos núcleos de poboación do Estado: 36.000; e que a dispersión encarece os custos da prestación dos servizos.
Agora que se vai a proceder a renegociación do modelo para un novo cuatrienio, debe correxirse como criterio tan preponderante o criterio poboacional incluíndo coeficientes correctores obxectivos na determinación do custe dos servizos municipais como son o número de núcleos de poboación. De non producirse esta corrección, os concellos galegos seguirán sendo discriminados no financiamento estatal e mesmo as previsións demográficas de moitos deles farán que os seus ingresos estatais aínda sexan máis reducidos no futuro.
Así mesmo faise precisa a inclusión destes criterios obxectivos na distribución doutros fondos que o Estado ten posto en marcha – Fondo Estatal de Inversión Local ou Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local- porque reproducen o mesmo criterio exclusivamente poboacional cando o custe de servizos básicos cunha poboación diseminada é moito maior.
Para os Concellos galegos é vital que a vindeira renegocianción da participación nos Tributos do Estado permita incorporar na distribución de fondos estes factores obxectivos e rematar coa discriminación que sufrimos os concellos galegos e coa precaria situación financeira provocada entre outros factores por este inxusto financiamento estatal.
Francisco García Suárez / Alcalde de Allariz
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario