Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Que a verdade non che estrague un bo titular

Written By MpDC on 14/12/09 | 19:17

Todos os días érgome coas noticias da radio. Logo vou á cafetería a tomar un café e leo os titulares de, polo menos, dous periódicos. No transcurso da mañá recibo no meu móbil os titulares de varios medios por medio do RSS e consulto algúns periódicos dixitais.

Ao medio día, mentres como, vexo o telediario. Pola tarde costumo comentar con alguen as noticias da mañá.

Se durante o día, todos eses medios repiten unha e outra vez a mesma noticia, se nos din que unha persoa é culpábel, que é un mostruo, que abusou da súa filla, que a queimou con cigarros e que a golpeou, todo mundo acredita que iso é certo. Por que dubidar? Non son programas do corazón. Suponse que contrastan a información.

Durante algúns días puidemos ver a cara dun suposto violador, un animal que “probabelmente”, segundo os medios 'serios', abusou anal e vaxinalmente da súa fillastra. Unha persoa sen escrúpulos que lle pegaba. Puidemos ver como era increpado por cidadáns que non podían deixar impune tanta maldade, que necesitaron exteriorizar os seus sentimentos con berros de desafogo onde chamaban de todo a este individuo.

No entanto, días despois, un exame forense di que o “animal”, o violador, o individuo era inocente. Que a falecida caeu dunha arrandeeira, que foron os intentos de reanimación os que provocaron os danos que que se podían apreciar no seu corpo. Depois de tan graves acusacións, sería de lóxica que os medios se desculpasen pola présa coa que deron as noticias, sen contrastar, sen rigor. Pois non, todos os medios falaban “dos medios”, como un ente abstracto, como se non formasen del.

Os medios de comunicación utilizan un dereito dos cidadáns —o dereito á información— dunha forma inxusta para garantir a súa continuidade. Reciben axudas das administración, teñen privilexios á hora de xestionaren información e incluso teñen o dubidoso dereito de emitir a miña, ou a túa imaxe, sen consentimento en pro do dereito á información. Porén, esa información ten que ser veraz, condición que cada vez máis brilla pola súa ausencia.

Renato Núñez, editor do xornal En Movemento

0 comentarios:

Publicar un comentario