O xulgado do Contencioso nº2 de Compostela vén de remitir ao Movemento polos Dereitos Civís o informe elaborado pola Policía de Lugo no que xustifica a instalación e o uso das cámaras de vídeo vixilancia na cidade. Para o MpDC todos e cada un dos motivos aos que aluden no dito informe son totalmente faltos de fundamentación e esquivos no que a razóns de peso se refire, ademais de lanzas afiadas contra a cidadanía e os seus dereitos.
Se tal informe existe é debido ao procedemento iniciado polo Movemento contra as cámaras de seguridade instaladas no Concello de Lugo. Esta proba fora solicitada no seu momento polo colectivo para que a Policía de Lugo acreditase os motivos que a levan a seguir incumprindo a legalidade e a desatender os principios de idoneidade e proporcionalidade dos dispostivos de gravación.
Aos ollos do colectivo, unha das aseveracións máis indignantes da Policía da cidade é o feito de que afirmen que as cámaras producen "seguridade subxectiva" nos cidadáns e aínda por riba digan que o uso destas imaxes é “exclusivo para as investigacións policiais, co que estiman que non produce lesión do dereito á intimidade”. Pois desde o MpDC lembramos á Policía que a sociedade non ten por que ter medo a unha cámara nin sentirse intimidada por ela porque seguramente esa cámara non debera estar onde está. Ademais, é moi cruento ver como afirman sen o máis mínimo reparo que poidan primar as investigacións policiais sobre os dereitos da cidadanía.
As e os cidadáns temos que escoitar das institucións que nos representan palabras como que “a criminalidade en Lugo experimentou un lixeiro aumento nos últimos anos”. Neste sentido, o MpDC pregúntase que argumentación seria pretende ser esta cando é sabido que as cámaras non amortiguan en ningún momento a comisión de delitos. Por que se considera a sociedade como
Desde a Policía de Lugo aluden tamén a que a aparición e o uso de novas tecnoloxías como as tarxetas de crédito, caixeiros automáticos e internet aumenta os índices de criminalidade “especialmente por cidadáns da Europa do Leste”, co que ao seu entender as cámaras axudarían a unha identificación. O colectivo lembra novamente que as cámaras non poden nin deben cumprir funcións atribuídas por lei ás forzas e corpos de seguridade sabendo que o seu uso irrompe e viola de xeito flagrante os dereitos civís.
Para o MpDC unha institución pública como é o Ministerio del Interior a través da dirección xeral da Policía de Lugo debe facer primar os intereses da sociedade nas súas accións e non aducir a razóns someras e totalmente banalizadas para intentar xustificar a substitución de axentes policiais por cámaras lesivas para a cidadanía.
Seguindo coa sarta de argumentos contra a sociedade por parte da Policía de Lugo, esta afirma ademais que “a proliferación de establecementos de ocio nos cascos históricos das cidades favorece o consumo de alcool”, o que “propicia a comisión de delitos violentos contra a integridade física das persoas ou a produción de danos en mobiliario público”.
Ao respecto o Movemento volve contrapór o desleixo das funcións das forzas e corpos de seguridade que delegan en dispositivos de vixilancia o seu traballo defendendo, nun alarde de cinismo e aproveitando o descoñecemento que existe na sociedade a respecto da videovixilancia, acatando esta en moitas ocasións estas mentiras lanzadas desde as institucións en nome da seguridade.
Esta afirmación feita polo MpDC pódese comprobar perfectamente cando ademais argumentan que a protección da muralla esixe “actuacións en todas as frontes que respondan a un adecuado mantemento, conservación e protección”. Que cidadán ou cidadá se vai opór a que se coide a muralla? Niso o Movemento coincide, se ben o xeito de protexela é no que difire. A asociación nunca se cansará de repetir que os dereitos civís están e deben estar por riba de calquera outro e a súa salvagarda debe ser a principal preocupación das institucións. Por iso, á hora de conservar a muralla, como noutras tantas actuacións, as cámaras son innecesarias, ineficaces e invaden o dereito á honra, á intimidade e á propia imaxe.
Xustifican ademais que a modernidade e os motivos económicos levan “os Estados a empregar outros medios complementarios na loita contra a criminalidade” e aluden á “seguridade privada como complemento, reforzo ou alternativa á seguridade estatal” e avala a mesma porque “esta modalidade de seguridade estendeuse rapidamente por case todos os Estados do mundo”. Resulta que agora a globalización vai avalar as cámaras.
Coma sempre, o último no que os Estados e as institucións pensan é na protección real dos dereitos. Como calquera cidadán pode escoitar que desde a Policía de Lugo din que a instalación e uso das cámaras está “suficientemente motivada” porque o Estado non pode facer fronte á loita contra a delincuencia actual coa única acción da Policía e non indignarse? Ademais, a súa imaxe pública non queda seriamente danada cando nunha romana colocan economía e dereitos e sen ningún pudor fan prevalecer a primeira?
Rizando o rizo da incompetencia, afirman que “o dereito á intimidade e á seguirdade das persoas están nos platos da balanza, mais neste caso considérase que existen razóns delincuenciais e de outro tipo para desequilibrala a favor da seguridade cidadá”.
Por último aluden a instalación e uso de cámaras “constitúe unha demanda social xeralizada” e que as imaxes dos dispositivos son de “grande utilidade para os Policías” ademais de para evitar a comisión doutros delictos. Ao respecto, e como tantas e tantas veces, o MpDC lembra que as cámaras non teñen nin poden ter finalidade disuasoria no sentido de que non poden nin deben suplir as persoas na vixilancia dos espazos públicos, tal e como di a Lei.
A Policía de Lugo salva a economía antes que os dereitos da cidadanía
Written By MpDC on 2/12/09 | 14:33
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario