O Movemento polos Dereitos Civís vén de interpór un recurso contencioso administrativo contra a presunta desestimación por silencio administrativo, emitida polo Concelleiro de Deportes do Grobe, do recurso presentado polo Club Piragüismo Ogrobe contra a orde de expulsión do Pavillón de Deportes Náutico e por ter dado de baixa o Club no Redim do Concello por entender que a mesma non se axusta a dereito.
Por mor destes feitos os membros do Club Piragüismo Ogrobe víronse obrigados a transportar diariamente as embarcacións nos vehículos xerando unha situación de incertidume para os deportistas e de tensión nos adestramentos.
O MpDC quere lembrar que se trata de deportistas considerados de "alto nivel", que deben gozar de especial protección por parte da Administración e aclara tamén que estes deportistas viron mermada a súa preparación cara a participar nun campionato do mundo no mes de setembro, circunstancia tamén coñecida por Alfredo Bea pola súa condición de presidente do comité técnico da Federación Española de Piragüismo.
As irregularidades cometidas polo Concello do Grobe violan fundamentos de dereito. Desde o MpDC solicítase a nulidade de pleno dereito das resolucións obxecto do presente recurso por desestimar o Concello as alegacións interpostas polo Club Piraguismo Ogrobe á propia institución municipal ao prescindir esta do procedemento establecido. Desde o Movemento volve afirmarse que o consistorio grobense tamén vulnera o principio de legalidade esixindo a presentación de documentación que non vén especificada no Regulamento Orgánico do Concello do Grobe.
A asesoría xurídica do colectivo indica que a estas eivas tamén lle podemos sumar a vulneración do principio de boa fe, polo que dúas partes teñen unha fe recíproca en que cada unha delas fai ben o seu cometido. A dita presunción destrúese cando existe proba en contrario, como é neste suposto que o Concello do Grobe, esixe documentación ao recorrente que non é precisa para a súa renovación no REDIM.
Entre outros, o principio de igualdade ante a lei tamén é vulnerado polo municipio grobense, pois o Concello non está actuando en posición de igualdade co Club Piragüismo Ogrobe coma co resto de asociacións ou de clubes, intentando esta administración local en todo momento danar a imaxe do recorrente.
O Movemento polos Dereitos Civís agarda a suspensión das resolucións recorridas, tanto a que respecta á baixa no REDIM, como a da orde de expulsión do pavillón de deportes náuticos do Concello do Grobe.
Os antecedentes
Os feitos remóntanse a decembro de 2008, cando a asociación Club Piragüismo Ogrobe presentou por escrito toda a documentación requerida e correspondente ao regulamento orgánico do Concello do Grobe para cumprir o trámite preciso para a renovación anual da inscrición das entidades deportivas no Rexistro de Entidades de Interese Municipal e foille denegada por presentar unha copia compulsada da acta da última asemblea ou certificación da mesma firmada polo presidente e o secretario da asociación que non resulta aplicable neste suposto.
No mes de agosto de 2009, mentres membros do Club Piragüismo Ogrobe se atopaban dentro do pavillón de deportes náuticos, o Conserxe sen motivos de ningún tipo infórmaos que ten orde de que retiren as piraguas das instalacións e o resto de material, ameazando de que de non facelo procedería el a facelo pola súa conta e a poñer todo na rúa, así como substituiría o bombín da pechadura, da cal este Club ten chave dende 1998, todo iso ordenado polo Concelleiro de Deportes Alfredo Bea García.
O MpDC interpón un novo recurso contencioso contra o Concello do Grobe
Written By MpDC on 28/12/09 | 13:39
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario