Chega o frío. Os vellos din que menos que cando eran mozos, pero chegar, chega igual. Desde hai xa case unha década, estamos todos temendo que o inverno sexa máis cálido que o anterior polo medo ao cambio climático. E é un medo parcialmente racional. Aínda que seica as persoas de a pé aínda non o teñen ben asumido.
En 1971 o químico británico James Lovelock, caeu na conta de que as algas costeiras producían moléculas de dimetil sulfuro, un gas que estimula a formación de vapor de auga, polo que se producen nubes, que escurecen a superficie terrestre e arrefécena. Ao tempo, as algas precisan calor, e as baixas temperaturas que elas mesmas producen fan que a súa proliferación sexa menor, polo que se produce menos dimetil sulfuro, polo tanto menos nubes e máis calor. O ciclo da vida é a temperatura.
Esta é unha das explicacións visuais da teoría Gaia, a teoría desenvolvida polo propio Lovelock e que considera o noso planeta un grande superorganismo vivo capaz de se autorregular, incluíndo a temperatura do planeta, que apenas variou desde o inicio da vida, malia a que o sol é hoxe un 30% máis brillante que daquela.
Polo que respecta á desaparición dos glaciares, é máis espectacular pero menos perigosa que outros fenómenos naturais. Lembremos que toda a península escandinava e case a totalidade das illas británicas estiveron baixo unha capa de xeo de dous quilómetros de altura.
Estas palabras poderían relaxar a aqueles que sen tremores de mans piden, coa boca moi pequena, que diminúan as emisións de CO2. Pero, que pasa se desaparecen todas as algas? Como dicía o sabio alemán Albert Einstein, o día que desaparezan as abellas, poucos anos lle quedará á vida no planeta, porque sen elas a polinización é imposible.
As abellas comezan a desaparecer.
Sergio Irigoyen / Divulgador científico
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario