Dentro da Semana Cultural polos Dereitos Civís, o Movemento organiza unha mesa redonda na que debater sobre dous temas de actualidade como son os abusos policiais e o dereito á folga. É coñecida a incansábel defensa do colectivo dos dereitos das persoas e as sucesivas denuncias feitas por actuacións policiais indebidas ou outras vulneracións destes dereitos como poden ser as relacionadas coas folgas.
Ao respecto, e contando con expertas e expertos na materia coma Miguel Ángel Fernández Rodríguez (avogado), Eva Vales Fernández (asesora xurídica do MpDC) e Carlos Aymerich Cano (voceiro do grupo parlamentario do BNG), esta mesa pretende visivilizar, mais unha vez, as eivas e mermas que moitas veces sofren os dereitos civís cando se trata de cada un dos temas propostos.
Ás oito do serán no Club Internacional de Prensa (avda. Da Coruña, 6, Compostela) terá lugar este acto que, segundo o voceiro do colectivo, Renato Núñez, é necesario para trasladar á sociedade, que pode asistir de maneira libre e de balde ao acto, estas problemáticas coas que día a día nos podemos atopar.
Ademais, Núñez tamén fai fincapé en que o diálogo, a transparencia e a accesibilidade son cuestións que maiormente ausentes na maioría dos casos de abusos policiais ou de violacións do dereito á folga e entende que cómpre que a cidadanía, primeira prexudicada con estas accións, saiba de primeira man cales son os seus dereitos para poder reclamalos.
Ese é o obxectivo, ao igual que o das demais actividades da Semana Cultural como son a proxección de filmes, este mesmo venres con “O meu nome é Harvey Milk”, ou a exposición que continúa aberta até o día 18 no local da AC O Galo, o de evidenciar que as reaccións das institucións, forzas e corpos de seguridade, empresas e demais poden e deben ser denunciadas por parte de quen as sofre e para iso traballa o MpDC.
O MpDC convida a falar dos abusos policiais e o dereito á folga
Written By MpDC on 16/12/09 | 13:12
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario