Despois de corenta e sete días de secuestro do Alakrana podemos verificar que o sistema político estatal está viciado. Resolto o suceso, agora sería a hora das consecuencias, tendo en conta que non sempre teñen que ser malas. Pero na política española o que prima é a lea e os réditos políticos por riba do bo facer e do interese xeral.
A crispación política non gardou nin 24 horas de loito’ polos secuestrados, nin deixaron que chegaran ás súas casas. Por que? Só por réditos electorais. Pero despois deste secuestro a sociedade debería necesitar e pedir consecuencias. De que tipo? Políticas, principalmente, para analizar as actuacións do Goberno nesta crise. Pero o que falla aquí é a interpretación multidisciplinar. No caso do Alakrana non só cabe analizar a actuación do Goberno, senón tamén a da oposición e a do resto dos partidos políticos: estiveron á altura? Tamén cabería unha autoreflexión para os medios de comunicación: o tratamento que demos foi o adecuado? Moitos foron os medios que chamaban aos mariñeiros retidos, e tras as duras palabras sobre a súa situación comezaban a dar o toque de alarma sobre a posible fatal resolución do secuestro. Até que punto entrevistar case a diario os secuestrados era o axei tado?Que críamos que nos ían dicir nestes corenta e sete días, que estaban nunha festa continua? Non pasa pola cabeza dun xornalista que a súa comunicación estaba ‘mediada’ polos piratas? Fomos, os xornalistas, guiados intencionadamente?
Consecuentemente, tras este tratamento xornalístico, os que peor o levaron foron as familias, que puxeron o grito no ceo, aínda que tras o aviso do Goberno, cambiaron a súa actitude. Cal debería ter sido esta , a do principio ou a do final? Axudaron nalgo as declaracións dos familiares contra o Goberno e a súa actuación? E sobre todo, por que tardou tanto o Goberno en dar unha visión de controlar o sucedido?
As consecuencias xudiciais deberían ser de envergadura. Cando un partido político estatal pon de relevo que a actuación dos militares españois ao deter aos piratas non era axeitada, cabería botarse as mans á cabeza, até houbo líderes políticos que pedían que se soltase os piratas, tirando pola borda, nunca mellor dito, o sistema democrático e xudicial español.
As consecuencias xa non se levan, senón non se pode explicar que o único que vemos tras rematar o secuestro sexan críticas aos demais sen mirarnos a nós mesmos: xornalistas, Goberno, oposición, xuíces, familiares, a sociedade... en definitiva, consecuencias.
José Villanueva, xornalista e investigador
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario