Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Ideas para un consumo responsábel no Nadal

Written By MpDC on 7/12/09 | 0:32

As festas de Nadal sorpréndennos en medio a un escenario que merece unha reflexión repousada sobre o consumo voraz que levamos a cabo durante todo o ano.
Inmersas nunha crise que se presenta cunha vocación de permanencia maior do que anuncian a clase política e os organismos internacionais, estamos a asistir como as expectativas de lle pór freo á mudanza climática mediante un acordo ambicioso e xusto no Cumio de Copenhagen se desinflan, a xulgar polas declaracións dalgúns influíntes mandatarios.
Verdadeiramente son malas noticias para toda a humanidade, sobre todo para as xeracións futuras que herdarán un mundo máis devastado e no que a desigualdade entre os países e pobos será aínda maior se non mudarmos de rumo.
Por que chegamos a ese punto? A resposta pasa por reflexionar sobre a forma como estamos a espremer os recursos do planeta que habitamos e sobre o noso modelo de produción e de consumo. Sobre este último aspecto queremos chamar atención neste artigo para que poidamos sobrevivir ás festas sen sucumbir aos reclamos comerciais.
A primeira pregunta a facerse debe xirar ao redor da necesidade de mercar algo, xa que na maioría das ocasións o consumo atende a outras motivacións moi distintas da necesidade real. Tamén paga a pena considerar se non podemos acceder a aquilo que nos fai falta a través de outras vías: pedir emprestado, trocar, reutilizar, mercar de segunda man, facer nós mesmas un agasallo, son só algunhas ideas para reducir e minimizar o impacto do noso consumo, aproveitando de forma intelixente os recursos dispoñíbeis.
Pararse a pensar como están feitos os produtos que vemos nos escaparates das grandes superficies e establecementos comerciais representa un paso máis neste proceso de reflexión: quen cose esta roupa? onde e en qué condicións o fai?
Nese punto o comercio xusto xoga un importante papel ao garantir un salario digno aos produtores e traballadoras de países empobrecidos, igualdade entre homes e mulleres e respecto ao medioambiente, apostando pola agricultura ecolóxica. Tamén rexeita o traballo infantil e establece un compromiso comercial a longo prazo, revertendo parte dos beneficios acadados pola comercialización en infraestruturas e servizos para a comunidade.
Porén, a reflexión non remata aí. A necesidade de apostar por unha economía e un comercio solidario a servizo das persoas e non das grandes corporacións transnacionais debe darse tanto nos países do Sur coma do Norte. Aquí vemos como os pequenos agricultores e gandeiras galegas están a sofrer unha grave crise que ameaza o futuro dun sector e dunha forma de vida. Consumir produtos locais e ecolóxicos, mercar no comercio de proximidade son apostas polo desenvolvemento e a vida nos nosos bairros e no agro.
En definitiva, trátase de pararnos a pensar que o acto de mercar tamén pode ser un acto político si o acompañamos dunha análise profunda sobre o impacto das nosas compras. Facer esta reflexión e actuar en consecuencia pode ser unha das chaves para sobrevivir as festas sen devorar o planeta e incorporando un criterio ético e social ás nosas compras. Atréveste?

María Carmen Puga Fidalgo, Coordinadora da ONG Amarante en Santiago

0 comentarios:

Publicar un comentario