O Movemento polos Dereitos Civís únese neste Día Internacional contra a Violencia de Xénero e durante todos os días do ano a todas as asociacións e colectivos que reclaman o fin da violencia machista en todas as súas formas e pide tamén a erradicación dos prexuízos e desigualdades baseados nas diferencias de xénero que existen hoxe en día na sociedade.
Combater a violencia contra a muller significa loitar contra todas as súas expresións, desde a mutilación xenital á discriminación laboral e ás desigualdades neste eido, desde as mortes producidas no núcleo familiar até o tratamento das mesmas nos medios de comunicación.
De feito os medios seguen a ter unha importante responsabilidade na situación, incumprindo constantemente os autoregulamentos no que se refire ao tratamento da violencia de xénero. Neste sentido, o MpDC quere chamar a atención sobre a “normalidade” coa que a sociedade asiste ás novas referentes a malos tratos ou a asasinatos de mulleres a mans dos seus compañeiros ou excompañeiros. A asociación polos Dereitos Civís alerta deste fenómeno e anima a estender este debate ao conxundo da cidadanía para que tome conciencia da gravidade que supón o asistir a este relato sobre a violencia de xénero no que ten que ver cos dereitos das persoas.
Para o colectivo, a concienciación social e o traballo constante no eido da educación serán as claves para acadar unha erradicación real da violencia de xénero na sociedade, unha das formas de violación dos dereitos fundamentais máis estendidas e toleradas no mundo.
As administracións, pola súa banda, deben introducir medidas que posibiliten unha maior eficacia xudicial e que garantan unha protección asistencial efectiva e non só teórica das mulleres vítimas da violencia, que os xulgados funcionen como deben, que as pulseiras localizadoras dun agresor se usen xa que hai 3.000 para todo o estado e só se están empregando 50 e que as medidas e que as medidas contra estas vulneracións sistemáticas dos dereitos sexan tratadas coa implicación e os recursos necesarios sen que queden en meras campañas publicitarias.
A Organización de Nacións Unidas ven recoñecendo desde hai anos que a loita contra a violencia sexual e a defensa específica dos dereitos das mulleres, sexa en conflitos armados ou ben nas sociedades pretendidamente desenvolvidas do chamado primeiro mundo, é imprescindíbel no camiño cara a seguridade e a paz duradeira.
O 25 de novembro foi declarado o Día Internacional contra a Violencia de Xénero en 1981 e a ONU deu carácter oficial ao día en 1999. Elixiuse esta data en concreto para conmemorar a morte violenta das irmás Mirabal, tres activistas políticas asasinadas o 25 de novembro de 1960 pola policía secreta do ditador Rafael Trujillo, na República Dominicana.
O MpDC reclama a erradicación da violencia machista en todas as súas formas
Written By MpDC on 25/11/09 | 10:10
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario