O MpDC enérvase ante a definición de 'pederasta' que ofrece o dicionario da Real Academia Galega
Written By MpDC on 24/11/09 | 14:35
O dicionario da RAG define "pederasta" como:
pederastas.m. 1. Home que mantén relacións homosexuais con nenos. Foi condenado por pederasta.CF. sodomita. 2. Por ext., homosexual masculino. Reivindicacións dos pederastas”
O MpDC vén de coñecer (a través da web da Xunta vía Dosmanzanas) tal aberración contra a cidadanía, o que para o colectivo, supón unha das maiores afrentas que un organismo que conta con prestixio social, como é a RAG, pode facer ao pobo ao que na teoría se di deber.
Ademais, o referido dicionario (Diccionario da Real Academia Galega. 1ª Ed. A Coruña: RAG, Novembro 1997) leva doce anos sen actualizarse, o que supón unha falta de interese por parte das institucións pertinentes, tanto da propia Academia coma do Goberno Galego por aloxar na súa páxina unha ferramenta tan obsoleta e que contén “erros” deste tipo.
Desde o Movemento polos Dereitos Civís considérase inadmisíbel que unha definición ofrecida pola institución encargada de garantir e coidar o idioma propoña como sinónimos pederastia e homosexualidade, cando son dos conceptos totalmente diverxentes e sen ningunha relación.
A pederastia é un abuso sexual infantil, que ten como base unha relación baseada na desigualdade, tanto física, como autoritaria dun adulto hacia menor. A pederastia non deixa de selo porque un adulto abuse dunha nena, simplemente existe polo feito de que un home adulto abusa sexualmente dun menor, independentemente do seu sexo.
Pola súa banda, a homosexualidade é unha orientación sexual definida pola atracción sexual, emocional, sentimental e afectiva cara un individuo do mesmo sexo. É evidente que non existe ningunha similitude entre homosexual e pederasta. Neste sentido, o Movemento pregúntase quen elaborou a dita definión e se a mesma non pasou por ningún filtro ou consenso que detectara a gravísima falta de respecto á sociedade que encerra.
Tampouco entende o MpDC por que un organismo como é a Real Academia Galega ataca e discrimina os homosexuais a través das definicións que elabora. Se partimos da base de que un diccionario serve como ferramenta de consulta, para que a poboación poida resolver as súas dúbidas lingüísticas e así darlle un mellor e máis correcto uso a lingua, neste caso estariamos ante un caso no que o diccionario ofrece datos erróneos, deturpados e que atentan contra a sociedade por estar vulnerando os dereitos das persoas no que ten que ver coa súa liberdade sexual.
A definición -aparte de non adaptarse á realidade-, constitúe unha ofensa aos colectivos homosexuais, que non teñen porque ser comparados nin equiparados aos pederastas, que están considerados penalmente como delincuentes do mesmo xeito que non se fai esa “comparativa” cos heterosexuais.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario