O MpDC amosa a máis grande indignación pola actitude do Concello do Grobe cos seus concidadáns
Written By MpDC on 26/11/09 | 12:03
O Movemento polos Dereitos Civís vén de coñecer a resposta do Concello do Grobe ante o recurso contencioso-administrativo contra a vía de feito que lle interpuso recentemente o Club Piragüismo O Grobe. O cinismo, a mala fe e a ausencia de principios manifestada pola institución pública sobrepasan as xa de por si esperpénticas resolucións adopotadas por ela sobre este tema.
O consistorio grobense, ante a acusación feita pola dita asociación de piraguismo de o Concello lles confiscar material do clube nas instalacións municipais do Pavillón de Deportes Naúticos, alega “non ter vontade de reter na súa posesión” o citado material e engade ter interese “de que se retire, por constituír un obstáculo” para a práctica deportiva dos outros clubes.
Adeamais, desde o Concello aseguran que o Club Piragüismo O Grobe “ten ao seu dispór o material da súa pertenza que se atope depositado nas instalacións do Pavillón Municipal de Oeportes Náuticos, o cal lle será entregado polo empregado responsable do mesmo Don Manuel Conde Pérez”.
Desde o colectivo polos Dereitos Civís non se entende como unha resposta municipal pode levar aparellada tal alto nivel de cinismo, mala fe e descrédito para unha asociación como é o Club Piragüismo O Grobe. Un Concello debe velar e asisitir a cidadáns e colectivos que nel están inscritos e/ou empadroados. Á vista está que este non é o caso do Grobe, quen pisa, queima e asoballa a unha asociación que traballa polo deporte en prol da cidadanía, como debería facer o propio Concello.
Esta lea xurdiu cando o conserxe do dito recito, “sen motivo ningún” informa os deportistas alí presentes de que ten orde de que retiren as piraguas, pás e outras ferramentas e apeiros deportivos das referidas instalacións. Ademais, o bedel ameazou, segundo os membros do clube con que se non retiraban os efectos el mesmo o faría pola súa conta e as poría na rúa, así como substituiría o bombín da pechadura, da cal o Club ten chave desde 1998. Tal e como informan desde a asociación deportiva grobense, todas as ordes anteriores viñan do concelleiro de Deportes Alfredo Bea García.
Tendo o Club diversas piraguas no espazo que ten asignado en tal pavillón, os feitos da presente denuncia lévanse a cabo sen resolverse o procedemento administrativo que hai en curso en relación coa expulsión do Redim e coa recusación do dito concelleiro, quen afirmou que el era o concelleiro e polo tanto tiña potestade “para expulsar cando e a quen lle dese a gana”.
Ademais, desde o MpDC lémbrase que foi preciso ir a un procedemento xudicial para que desde o Concello ofrecesen o material anteriormente referenciado cando previamente en duas ocasións se lle solicitou en procedemento administrativo a través desta asociacion tendo o silencio, unha vez máis, como resposta.
Outra volta de rosca, o REDIM
O Movemento polos Dereitos Civís solicitou, no seu momento, ao Concello do Grobe a nulidade de pleno dereito da resolución municipal que acorda dar de baixa no REDIM o Club de Piragüismo Ogrobe por non ter presentado certa documentación esixida que non está prevista na lexislación imperante na materia. Ademais, o colectivo pide que se se estimen as alegacións interpostas polo presidente do clube de piragüismo, Filipe Besada, en representación do mesmo.
Os feitos remóntanse a decembro de 2008, cando a asociación Club Piragüismo Ogrobe presentou por escrito toda a documentación requerida e correspondente ao regulamento orgánico do Concello do Grobe para cumprir o trámite preciso para a renovación anual da inscrición das entidades deportivas no Rexistro de Entidades de Interese Municipal.
Ademais, vemos como quebra o principio de boa fe que debe marcar a actuación administrativa, xa que a esixencia de tal documentación e a traxectoria da asociación, que leva inscrita no Rexistro desde o 1997 e realizando cumpridamente os trámites cada ano sen ningún problema fan sospeitar da finalidade que pode perseguir o Concello, para que non sexa partícipe das subvencións ás que teñen dereito as entidades inscritas no mesmo.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario