Vivimos nun tempo, que de seguro, sería lícito reclamar o papel do Arquitecto social, reclamar o espírito do Le Corbusier de posguerra, do Gropius da Bauhaus ou mesmo dos Smithson para intentar poñer orde nun caos de confusión entre as necesidades de vivir, de respeto ao medio e o insultante papel económico do urbanismo destes anos.
Vivimos nun país, que pola súa historia e idiosincrasia, pola súa relación co medio, sempre sintíu moi de preto o feito de construír, de relacionarse coa terra a través da necesidade….mais estas relacións, traballo- terra- construción -medio de vida, cambiaron hai xa máis de 60 anos provocando que os novos materiais, as novas necesidades non foran tidas en conta, traendo a destrucción do noso patrimonio anónimo e a imposición de tipoloxías axenas.
Namentras non se entenda que os Arquitectos, ademais de técnicos e creadores ,deben ter vocación social, repensar os problemas en termos de vida, non atacaremos os males derivados da imposición sobre o territorio dunha realidade construída, coma a vivenda.
Máis alá dos problemas derivados ,do que todos chaman, “do ladrillo” debemos repensar as relacións que se establecen entre os que interveñen no proceso de construcción, e deixar de facer demagoxia confundindo especulación e individuos coa Arquitectura e planeamento urbanístico, pois o feito de construír, de entender o territorio, de asumilo é ademais de ancestral un feito moi fermoso.
Unha consecuencia disto é a vivenda, inaccesible para maior parte da poboación e que debería ser un ben de primeira necesidade. Mais vótase en falla , ademáis do prezo, un análise profundo da súa calidade arquitectónica e espacial, esquencida por ignorancia social.
Deberíamos reflexionar sobre onde e como queremos vivir e non ver a Arquitectura como un feito exclusivamente económico.
-Jorge Vales. Arquitecto
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario