Hai uns días tiven a oportunidade de ler un folleto que describe unha exposición sobre feminismo galego e os avanzos que se teñen producido nos dereitos das mulleres dende o S.XIX. Esta exposición abre un espazo interesante para a análise, de cara a poñer en valor os cambios sociais impulsados polas mulleres, nun momento político como o que estamos a vivir onde se cuestiona o avanzo dos nosos dereitos por parte dos sectores máis reaccionarios da sociedade.
Non é casualidade que o anteproxecto de lei de prazos do aborto, que pretende reformar a lei de 1983, a debate nestes momentos a nivel do Estado, provoque a reacción máis virulenta dos sectores máis conservadores da sociedade liderados polo PP e apoiados pola igrexa e importantes intereses tanto mediáticos como empresariais.
Un contexto que o Partido Popular gobernando na Xunta de Galiza tamén quere aproveitar para frear as políticas que se teñen impulsado nos últimos anos. Por parte do goberno galego tense a intención de revisar o modelo da rede de centros de asesoramento afectivo sexual- Quérote. O acceso da mocidade a unha información directa e obxectiva sobre a nosa sexualidade e os métodos anticoncepticos, pretende ser secundarizado e eliminado das prioridades do actual goberno galego constatando así a evidencia dos últimos meses onde non houbo campaña de difusión e publicitación durante o verán así como de impulso a novas actividades. Do mesmo xeito é lamentábel a intención do goberno do Partido Popular de subvencionar asociacións antiabortistas nunha estratexia por satisfacer o fanatismo relixioso e político, así como emitir manifestación contrarias á dispensación da pílula postcoital nas farmacias, medida da cal se cumpre un mes nestes días.
Aínda queda moito para que a igualdade sexa unha realidade no plano real e así fica claro nesta exposición. Paneis que aportan análise pero que deben motivar a acción que tanto precisamos neste momento. Hoxe a defensa activa do dereito a decidir sobre o noso propio corpo, a non identificación de sexualidade con maternidade ou a defensa da aprobación dunha lei de prazos que despenalice a interrupción voluntaria do embarazo e a garanta de forma gratuita na rede sanitaria pública, significa outro avanzo máis na loita pola igualdade das mulleres. Modificar unha lexislación hipócrita, discrecional, insuficiente e que non garante a libre elección das mulleres é unha necesidade para todas nós e un paso decisivo no camiño pola igualdade que non debemos desaproveitar.
Iria Aboi Ferradás, secretaria xeral de Galiza Nova
Activas pola igualdade!
Written By MpDC on 2/11/09 | 18:25
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario