Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC considera “inhumano” que un implicado no caso Gürtel usase 'Infancia sin Fronteras' como tapadeira dos seus negocios

Written By MpDC on 9/10/09 | 9:44

Segundo recolle Xornal de Galicia, o ex vicepresidente da dita ONG, Miguel Ángel Gisbert, gabouse da utilización da fundación nunha gravación do sumario do 'caso Gürtel'. Ao respecto, o MpDC non sae do seu asombro sobre como alguén pode lucrarse a través dunha institución cuxa función é salvagardar e protexer os dereitos humanos, como organización non gubernamental que é.

O ex vicepresidente de Infancia sin Fronteras, Miguel Ángel Gisbert, acusado de introducir de forma ilegal cidadáns cubanos en Estados Unidos, gabábase de utilizar a Organización Non Gubernamental (ONG) que el mesmo fundou como "tapadeira para facer negocios privados" noutros países.

Así o revela unha gravación telefónica da parte do sumario do caso Gürtel coñecido ata agora, á que tivo acceso Europa Press. Nunha conversación cun tal Carlos ou Charlie, que noutro momento di traballar no Concello de Pozuelo, Gisbert asegura que pasou todo o ano pasado en Nicaragua e que en República Dominicana comprou uns terreos cun socio para facer unha escola de formación profesional, pero que en realidade servía como "a tapadeira de sempre, a tapadeira da ONG para facer negocios privados" de tipo inmobiliario, continúa a dicir Xornal.

O Movemento polos Dereitos Civís considera tales accións unha ofensa contra a humanidade mesma e tamén contra o labor de colectivos que si traballan pola cidadanía e non como o que Gisbert creou como tapadeira. Desde a asociación pregúntanse como pode alguén caer tan baixo para desviar fondos a través dunha ONG.

A dilixencia e o compromiso coa sociedade que se lle supoñen ás organizacións non gubernamentais vese deste xeito empañada pola actuación do implicado no caso Gürtel. Tal comportamento é cualificado polo MpDC como “inhumano” xa que as necesidades polas que foi creada a tal ONG quedaron descubertas enriquecéndose outras persoas mediante o trafego ilegal de cartos.

0 comentarios:

Publicar un comentario