Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC chama a atención sobre o seguidismo que El Correo Gallego fai da Delegación do Goberno

Written By MpDC on 2/10/09 | 13:24


O Movemento polos Dereitos Civís non sae do seu asombro ao valorar a contestación que El Correo Gallego fai da resolución dictada pola Delegación do Goberno a respecto das cámaras que o xornal ten instaladas na rúa. Lonxe de recoñecer a realidade, afonda no absurdo para intentar evadir responsabilidades.

No seu momento, o MpDC presentou unha demanda contenciosa administrativa contra a a Delegación do Goberno no caso das cámaras de El Correo Gallego. A Delegación ignorou as denuncias e peticións de informacións enviadas polo colectivo a raíz da publicación de imaxes captadas polas cámaras que o diario ten instaladas na súa sede en Santiago de Compostela.

Aduce a Delegación que se trata de dispositivos de vixilancia privados, e que polo tanto non necesitan a autorización da propia Delegación. Sen embargo, a Lei é moi clara ó respecto, e posto que as imaxes publicadas demostran que se está a gravar na vía pública é aplicábel o disposto na Lei Orgánica 4/1997 segundo a cal só as Forzas de Seguridade poden colocar cámaras no espazo público.


Arrimarse ao sol que máis quenta


Para o colectivo, adscribir a resposta á resolución da Delegación é arrimarse ao sol que máis quenta, xa que parece querer contar a cabeceira galega coa protección da institución e desprenderse da culpabilidade ao subscribir completamente o que resolveu a institución. Como fixo o organismo público, El Correo di que as cámaras que eles teñen instaladas “nada teñen que ver” coas que regulamenta a lei 4/1997. E é que tales cámaras, que gravan a vía pública, só poden estar colocadas segundo tal normativa, di o MpDC.

A Lei Orgánica de Protección de Datos é moi clara no que se refire á instalación de cámaras de seguridade. Nos espazos privados pódenas colocar empresas autorizadas para tal fin, inscribindo os ficheiros coas imaxes obtidas nun rexistro oficial e informando sobre a custodia e acceso a ditas imaxes.

O Movemento interesouse neste caso a partir da publicación na edición impresa e dixital de El Correo Gallego dunha noticia acompañada de fotografías. Ditas imaxes amosaban a unha muller perfectamente identificable mentres danaba presuntamente os vehículos aparcados na rúa. As mesmas foran captadas por cámaras instaladas por unha empresa privada na sede do xornal. A función destes dispositivos é garantir a seguridade do edificio, gravando o que sucede á entrada e no seu interior. Non obstante, a muller que aparecía nas fotografías publicadas transitaba afastada da sede do xornal, nunha rúa adxacente.

Difusión de imaxes, ética profesiona, dereitos fundamentais

Asunto aparte é a difusión pública das imaxes obtidas polas cámaras, sen procurar nin sequera ocultar a identidade da persoa que aparece nas mesmas. Atopámonos nun caso de evidente vulneración dos dereitos fundamentais á intimidade, á propia imaxe e á honra. Cómpre salientar que a Axencia Española de Protección de Datos está estudando actualmente a denuncia presentada polo Movemento polos Dereitos Civís en relación co caso. A asociación sorpréndese tamén pola inexistencia dunha toma de posición por parte do Colexio de Xornalistas de Galicia, perante un caso tan grave de vulneración dos principios éticos e legais que deberían rexer o traballo da profesión.

0 comentarios:

Publicar un comentario