Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Co ‘L’ á dereita

Written By MpDC on 3/10/09 | 11:19

A crise económica actual é antes que nada unha crise de valores. Non se pode entender a verdadeira magnitude e as causas de fondo da crise sen reparar nos vicios nos que incorreu o mundo desenvolvido e a nosa sociedade nos últimos tempos.

Nos anos máis recentes moita persoas se botaron en mans da dereita e dos seus defensores. Unha dereita que non só presume do seu pasado franquista, senón pretende desde a súa prepotencia innata tomarnos por tontos. Son os mesmos que engordaron as súas contas bancarias a conta dos petos de moitos e das axudas públicas concedidas por un goberno “disque” socialista rendido ás mesmas políticas neoliberais que din combater.

E por iso, agora que a economía piramidal do “aquí hai diñeiro para todos” tocou ao seu fin, agora que moitos dos que se viron arrastrados a ese círculo vicioso están a atravesar graves problemas financeiros, é xustamente agora, descuberta a xogada, que os poderosos dan en axitar vellas pantasmas: o idioma galego, o topónimo da Coruña.

Teñen a esperanza de que así, quizá, mentres os xornais enchan titulares con eses debates retorcidos e artificiosos, a xente esqueza culpabilizar aos poderosos e aos seus cómplices. Dese xeito é posíbel que non haxa tanta preocupación polo desemprego, os EREs, as hipotecas, a reforma fiscal contra as clases medias, o ‘pelotazo’ urbanístico nos terreos do porto da Coruña, o caso Gürtel…

De aí que a dereita do Partido Popular e mais a do PSOE pacovazquista coincidan na distracción.

O debate sobre a imposición do galego ou sobre unha forma traducida para os topónimo coruñés é un debate falso.

Os únicos bilingües aquí e agora somos os que temos o galego por primeiro idioma e convivimos coas persoas que falan habitualmente castelán sen agredir a sua decisión, ainda que pensemos que non teñen razón á hora de analisar a sua escolla. Somos os que falamos galego os que sufrimos discriminacións e imposicións inxustificábeis.

Que queren que lles diga? É unha provocación, un insulto á intelixencia e á sensibilidade. A posición do BNG ao respecto é ben coñecida, mais con este andazo quizá non estea de máis lembrala: Emprego, benestar,igualdade e progreso. Tamén en galego. Pero un nome propio é un nome propio. A Coruña é o nome da cidade e ningunha maioría fascista, ‘feixista’ ou falanxista vai cambialo.

A menos, claro, que a algunhas persoas que se din socialistas se enrolen na estratexia da dereita. Entón si que haberá non só culpábeis senón colaboradores incautos, que son tanto ou máis perigosos que os primeiros.

Porque unha cousa é que Negreira (e dará el mesmo en traducirse o nome tamén?) ande a facer prácticas pola cidade, co seu ‘L’ colgado á dereita do parabrisas, por riba do adhesivo da Lexión. Pero outra moi distinta é que o Alcalde preste o ‘L’ do seu apelido a unha estratexia así, na que todos os cidadáns da Coruña acabarían perdendo non só os cartos e a súa identidade colectiva, senón tamén catro anos do seu futuro.

Henrique Tello, primeiro tenente de alcalde da Coruña

0 comentarios:

Publicar un comentario