Con un basta?
Written By MpDC on 23/10/09 | 11:24
Logo de o MpDC reclamar a execución provisional da sentenza que obriga a Compostela a cumprir coa ordenanza de publicidade estática, a alcaldía informa que contratou fai tres anos paneis de información cidadá que aínda non colocou. Ademais diso, o MpDC quéixase de que o departamento encargado desta área non aclare como van obrigar as empreas de construcción a habilitar zonas para comunicación social.
Neste sentido, o Movemento contabilizou que existen 33 paneis para a comunicación social adquiridos polo Concello, se ben, só se coñece a ubicación de 17 deles. Ao colectivo éntralle a dúbida de saber que se está a facer cos restantes. Se o o Movemento se pronuncia ao respecto é porque vén de recibir do Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Compostela o 'Informe de contratación e servizos comunitarios' que achega o Concello logo de que o MpDC interpuxese un recurso contencioso-administrativo por o Concello estea a incumprir unha ordenanza municipal da que el mesmo se dotou.
Na capital galga faltan espazos de opinión social. O Concello aprobou unha norma municipal no ano 2003 na que se contemplaba que nas obras en construción se colocasen mupis destinados ás comunicacións publicitarias, tal é como se di no artigo 4: "O Concello habilitará na vía pública en lugares frecuentados, soportes adecuados e en numero suficiente para posibilitar a colocación de carteis ou anuncios”.
O Concello de Santiago de Compostela debe cumprir a súa propia ordenanza en materia de publicidade estática logo de que unha sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Compostela ditase sentenza favorable á demanda presentada polo Movemento polos Dereitos Civís. A xustiza dálle a razón deste xeito ao MpDC, quen leva anos reclamando ás autoridades locais a instalación dos espazos destinados á comunicación social establecidos na ordenanza e agora o Concello deberá instalar mupis e obrigar que nos peches de obra se dediquen espazos para a publicidade estática.
Debido á inactividade do Concello ao respecto, o MpDC dediciu interpór un recurso contencioso-administrativo, xa que os poucos paneis que se colocaron normalmente estaban colocados en lugares pouco transitados, mentres que no centro da cidade eran nulos e nas obras non se habilitaban os espazos obrigados ou puña Prohibido colar carteis". Mentres tanto aplica as sancións previstas na ordenanza a aquelas persoas ou colectivos que anunciaban actividades por medio de carteis.
No seu día o Concello de Santiago enviara un escrito ao Defensor del Pueblo xustificando o incumprimento da ordenanza de publicidade estática, no que sinalaba que o único que ía a facer era enviar o texto á Federación Gallega de la Construcción. Asimesmo, aclaraba que as súas actuacións se “concretan no desenvolvemento de tarefas de control e vixilancia, sen que de estas intervencións se derivara a incoación de expediente sancionador algún”.
Se ben, o Alcalde, coma noutras ocasións, fai oídos xordos á Xustiza e dá voltas de muíño para evitar cumprir a legalidade. Ao respecto, no texto que acompaña o informe emitido polo consistorio pode lerse que: “co fin de dar cumprimento ao solicitado na providencia remitida achégase o presuposto do custe dunha unidade de panel tipo libre expresión así como a súa colocación, xa que na sentenza non se especifica o número suficiente de espazos de comunicación social e a habilitación de paneis que se precisan colocar ademais dos xa anteriormente colocados e citados e tampouco se fai referencia en que outras ubicacións da cidade sería necesario instalalos”.
Despois de ler semellante declaración dunha institución pública, o MpDC pregúntase para que o Concello no seu momento decidiu dotarse dunha normativa que favorece a comunicación cidadá e obriga a que as empresas de construción habiliten zonas para colocar carteis se logo afirma que con un ben chega e que non sabe onde pór máis. A este respecto, o Concello pensa que cos máis de cen mil habitantes que ten a cidade cun único espazo social para a comunicación ten bastante?
Dende o MpDC dubídase de que o Alcalde cumpra coa sentenza ditada polo xulgado, polo que de non comezar a habilitarse espazos destinados á publicidade estática no prazo legalmente establecido, a asociación presentará unha demanda contra o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, por desobediencia, o que podería implicar a súa inhabilitación para cargo público.
Etiquetas:
Concello de Ares,
Concello de Santiago de Compostela,
Dereito á Liberdade de Expresión
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario