Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Protección de Datos inicia unha investigación polas cámaras da viguesa facultade de Ciencias

Written By MpDC on 21/10/09 | 9:40


A Agencia Española de Protección de Datos comunicou ao Movemento polos Dereitos Civís que vén de iniciar unha investigación logo de recibir o escrito que o colectivo remitiu á institución no que se interesaba polas cámaras de vídeovixilancia instaladas na facultade de Ciencias do Campus das Lagoas (Vigo).

Ao respecto, a entidade estatal informa ao MpDC que “se están realizando as oportunas investigacións previas de inspección co obxecto de determinar, coa maior precisión posíbel, os feitos que puideran xustificar, no seu caso, a incoacción de procedemento sancionador ou de infracción das Administracións públicas, identificando a persoa ou o órgano que puider resultar responsábel e fixando as circunstancias relevantes que puideren concorrer coa Lei de Protección de Datos”.

Os antecedentes


O Movemento polos Dereitos Civís presentou no seu momento un escrito á Agencia no que solicitaba que se investigasen as cámaras de vídeo vixilancia instaladas nos exteriores da Facultade de Ciencias sita no Campus As Lagoas en Marcosende- Vigo.

Neste sentido, o que o colectivo comunicou a Protección de Datos é a vontade de coñecer se a dita facultade ten inscrito o ficheiro que contén as imaxes e os sons gravados polas cámaras no Registro General de Protección de Datos, así como se instalou tales artefactos de gravación contando con todos os permisos perceptivos informes esixidos pola lei para instalar cámaras na vía pública.


Delegación do Goberno

O Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 da Coruña comunicou recentemente ao MpDC a resposta da Universidade de Vigo (UVI) a respecto da demanda presentada polo colectivo contra a resolución da Delegación do Goberno de 20 de xaneiro de 2009. O centro educativo realiza alegacións que atacan os obxectivos do Movemento e cuestionan a súa lexitimidade. Por desgraza, este é o mesmo argumento que unha e outra vez ten que escoitar o colectivo, o único que se preocupa pola seguridade cidadá atendendo aos dereitos das persoas e non a outros.

As alegacións que presentou a UVI forman parte da longa lista de argucias coas que as insitucións intentan deslexitimar os escritos do MpDC. Desta volta as tales argumentacións pasan por apuntar que ao Movemento polos Dereitos Civís non lle corresponde intervir no dito procedemento achacando falta de lexitimación pasiva, ademais de considerar que non existe infracción da lei 4/97 xa que a instalación das videocáramas en cuestión non foi feita polos Corpos e Forzas de Seguridade.

Ao respecto, e botando por terra todas estas acusacións, o MpDC lembra -unha vez máis, que os únicos que poden instalar cámaras que graven constantemente a vía pública son os tales corpos policiais, polo que a afirmación da Universidade é considerada polo colectivo coma unha estafa contra a sociedade xa que un centro formativo debería velar polos intereses do seu alumnado.

Ademais, a instalación e funcionamento das cámaras de vídovixiancia debe estar presidida por unhas garantías, condicionamentos e requisitos esixidos expresamente pola normativa vixente en materia de vídeovixiancia e que tanto o a Facultade de Ciencias de Vigo como a Delegación do Goberno omitiron como é o previo informe dunha Comisión da cal a presidencia corresponderalle ó Presidente do Tribunal Superior de Xustiza da mesma comunidade, entre outros.

Atendendo á normativa exposta, a captación de imaxes de persoas que transitan pola vía pública, constitúe un tratamento de datos persoais incluído no ámbito de aplicación das mesmas. Polo tanto, segundo a lexislación vixente, a instalación deberá respetar o principio de proporcionalidade, o que supón sempre que sexa posible, adoptar outros medios menos intrusivos á intimidade das persoas, co fin de previr interferencias inxustificadas nos dereitos e liberdades fundamentais.

0 comentarios:

Publicar un comentario