Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Compostela retruca de novo contra o MpDC con argumentos superfluos

Written By MpDC on 6/10/09 | 13:47


O Concello de Santiago, como co-demandado no procedemento iniciado a instancias do Movemento polos Dereitos Civís sobre a renovación da autorización da instalación das cámaras de vídeo vixilancia da zona vella da cidade, contesta a demanda con argumentos superfluos.


Asimesmo, o Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 da Coruña vén de dictar unha resolución xudicial abrindo o período probatorio para que as partes acheguen todas as probas que consideren oportunas na defensa dos seus intereses.

Deste xeito, o Concello basea a desestimación do recurso interposto polo MpDC nunha inadecuación do procedemento e na falta de argumentación e acción do dito recurso cando ningún destes dous supostos é certo.

O colectivo polos Dereitos Civís quere deixar constancia de que Compostela alegou, tamén anteriormente, que a retirada ou non das cámaras non afecta directamente ao Movemento como entidade. Ao parecer do MpDC, tal reacción é totalmente temeraria tendo en conta que o colectivo se di “dos Dereitos Civís” e atende ás cuestións referentes á cidadanía, feito que a instituición pública demostra desatender constantemente. Para máis ver, chegan a indicar que a retirada dos dispositivos suporía un dano irreparábel. O Movemento pregúntase que considera o Concello irreparábel se non son os dereitos da cidadanía.

O MpDC lembra que hai outro procedemento aberto contra as ditas cámaras e que o colectivo abonou 3000 euros para que se executase provisionalmente a sentenza que obriga a retirar os dispositivos, procedemento no que, recementemente, o TSXG vén de dar a razón ao colectivo. Unha vez máis, Bugallo e os responsábeis de seguridade volven demostrar cales son os seus intereses.

Os antecedentes

O pasado día 15 de xaneiro expirou a última das autorizacións concedidas pola Delegación do Goberno ao Concello de Santiago para a instalación de cámaras de vídeo-vixilancia na zona vella. Se ben, a institución concedeu a dita autorización. Con tal decisión queda demostrada ás claras a incompetencia do organismo no que respecta ao cumprimento das súas funcións.

Ela é a única que pode autorizar ou non as cámaras de vídeo vixilancia neste caso e o seu deber é valorar se a instalación é o sistema máis idóneo para a finalidade que se persegue, segundo o concello ter controlados os actos vandálicos cando os índices de criminalidade non amosan tal necesidade, e tamén ter en conta os principios de proporcionalidade e intervención mínima, que se incumpren flagrantemente neste caso.

Cabe lembrar que a xustiza considerou en setembro do pasado ano irregular o procedemento de instalación das mesmas e ordenou a súa retirada, mais os responsables de seguridade cidadá empeñáronse en seguir malgastando os recursos públicos e recorreron a sentenza perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

0 comentarios:

Publicar un comentario