Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC “está convencido” de que o alcalde compostelán seguirá a evitar o cumprimento da legalidade

Written By MpDC on 29/9/09 | 9:22


O Tribunal Superio de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de desestimar o recurso de apelación presentado polo Concello de Santiago contra o auto que acordaba a execución provisional da sentenza que ordena a retirada das cámaras de vídeo vixilancia instaladas nas rúas do casco histórico de Compostela, atendendo ás alegacións realizadas polo MpDC. Ademais, a resolución do alto tribunal galego impór tamén as costas do procedemento ao Concello de Santiago.

En conferencia de prensa celebrada esta mañá, o voceiro da asociación, Renato Núñez, culpabilizou directamente ao alcalde de Compostela desta sentenza. O responsábel da asociación considera que a negativa de Sánchez Bugallo de retirar as cámaras é obsesiva, e que debería retiralas de inmediato, tal e como vén solicitando o Movemento desde o inicio do procedemento e parece “indignante”, aos ollos do representante da asociación, que unha entidade sen ánimo de lucro teña que abonar unha fianza de 3000 euros para que unha institiución cumpra a legalidade cando debera retirar as cámaras coa primeira denuncia e pedindo desculpas á cidadanía.

Ademais, o voceiro do colectivo quixo deixar claro que se o TSXG desestimou tal recurso foi porque o Concello “non presentou ningunha novidade”, ademais de porque hai unha sentenza que cumprir. Renato Núñez quixo lembar tamén que a “mala fe” do consistorio compostelán e a falta de argumentación xurídica foron outros dos elementos que decantaron a resolución a favor do MpDC.

Son seis cámaras as que a resolución volve ordenar retirar pero ilegais hai moitas mais e se, cando o xulgado emita o veredicto a razón a ten o concello e se volveran instalar as cámaras “temos mais denuncias presentadas contra elas”, por exemplo contra a última autorización dada pola delegación do goberno, explicou o responsábel do colectivo. Ademais, os dispositivos foron colocados para “controlar actos vandálicos” e non para o que sería a súa finalidade, “perseguir delictos graves”, afirmou Núñez.


O pagamento da fianza


Ao Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) estimáronselle en setembro pasado as súas pretensións contra o Concello de Santiago logo de comprobar o Xulgado, por medio de probas presentadas no dito emprazamento a veracidade e validez dos argumentos defendidos polo colectivo. Á hora de cualificar a actuación municipal, o voceiro da asociación, Renato Núñez, afirmou esta mañá que “os responsábeis de Seguridade do Concello de Santiago mentiron en varias ocasións”. Tiveron que pasar 6 anos e 3000 euros para que impere a legalidade e Bugallo se vexa obrigado a retirar as cámaras de vídeo vixilancia da zona vella da cidade.

Aínda coa Xustiza na contra, o Concello esgotando todos os prazos legais que se lle concederon para efectuar a retirada. Así as cousas, o Movemento solicitou a devolución dos 3000 euros sabendo como sabe que Sánchez Bugallo evitará, como o veu facendo, e por todos os medios, eliminar as cámaras das rúas da cidade.


Os antecedentes


O Xulgado Contencioso Administrativo n. 1 de Santiago aceptou en xaneiro deste ano a solicitude do Movemento polos Dereitos Civís e ordenou a execución provisional da sentenza que obriga á retirada das cámaras de vídeo-vixilancia ilegais do casco vello de Compostela. O alcalde de Santiago viu de novo censuradas por vía xudicial as súas pretensións de actuar ignorando as leis e os dereitos dos cidadáns.

Nesta sentenza histórica, o xulgado censuraba con dureza “a pasividade coa que o Concello ten tratado o trámite necesario e obrigatorio imposto pola Lei”. Cómpre recordar que as cámaras non contaban cos correspondentes permisos de renovación, carecían de libro de rexistro das imaxes e mesmo funcionaran durante un tempo sen que se tivese solicitado a autorización necesaria. Vulneraban, xa que logo, todas as garantías recollidas na Lei de Protección de Datos para tutelar os dereitos dos cidadáns.

Recentemente, o xulgado contencioso administrativo n.º1 de Compostela obrigou ao Concello a retirar as cámaras nun prazo de 10 días. Trascorrido ese tempo, os responsábeis de Seguridade do Concello non fixeron efectiva a retirada. O voceiro do colectivo, Renato Núñez, afirmou que se o concello non retira as cámaras “incorrería en desobediencia e podería ser sancionado polo Xulgado, así como denunciado”, indicou. Agora, se cabe, ao alcalde de Santiago esgótaselle o tempo para cumprir coa legalidade xa que esgotou todos os prazos para proceder á retirada dos dispositivos.

Futuras accións

A Xustiza deu, en varias ocasións, a razón ás estimacións do Movemento polos Dereitos Civís, se ben, o alcalde de Santiago continúa coa súa teima de manter os dispositivos instalados “facendo caso omiso á lei e á xustiza”.

Ademais, afirmou que “estamos convencidos de que a Delegación do Goberno e o TSXG” nos darán outra vez a razón, dixo o voceiro do MpDC. No que respecta ao alcalde, a asociación afirma que tomará “medidas contra el por desobediencia” no caso de continuar coa actitude que vén amosando até o de agora. Para o portavoz da asociación “estamos convencidos de que vai seguir actuando do mesmo xeito”, co que sería o Movemento quen tería que tomar as medidas oportunas, para o que Renato Núñez indicou “o colectivo seguirá o procedemento xudicial”.

0 comentarios:

Publicar un comentario