Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Gripe A: é para tanto?

Written By Virgulino on 6/9/09 | 11:00

Neste verán con menos sol e máis días cubertos dos que correspondería, os medios de comunicación semellan estar empeñados en darnos a murga coa Gripe A. Realmente, pode este novo virus da gripe A(H1N1)v orixinar tantos problemas como algúns agoiran?,

Xefe de Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalar de Pontevedra.

Pois a verdade é que non é posíbel sabelo, malia que nunca na historia unha pandemia de gripe foi tan exhaustivamente estudada como o está sendo esta. En base ao que está a suceder sabemos algunhas cousas e temos moitas incertezas.

Sabemos cal é a estrutura do novo virus, que contén material xenético dun triplo orixe: dos virus da gripe porcina, humana e aviaria; e estamos en condicións de poder fabricar en poucos meses a vacina que permita prevela. Sen embargo aínda non sabemos se será posíbel contar con esa vacina antes de que chegue a tempada de gripe.

Sabemos que en catro meses o novo virus se ten difundido amplamente por todo o mundo, substituíndo a aos virus que habitualmente orixinan a gripe (H1N1 clásico, H3N2, ..), de xeito que é practicamente o único virus da gripe que, a día de hoxe, está orixinando síndromes gripais na grande maioría dos países do mundo, tanto do hemisferio sur (Buenos Aires, Sidney, ...) como no hemisferio norte (Vigo, Ferrol, Chantada, Cospeito, Liverpool, O Cairo, Delhi, ...).

Sabemos que nos países do hemisferio sur, que agora están en tempada de gripe, cando menos a primeira onda da pandemia (haberá varias) non provocou unha situación xeneralizada de caos e que, mal que ben, os sistemas sanitarios foron quen de facer fronte a situación. Sabemos que nos países do hemisferio norte estamos tendo máis casos de gripe dos habituais nesta época do ano, chegando en países como Inglaterra a orixinar importantes problemas, mais sen que a situación se poida cualificar de caótica ou catastrófica.

Sabemos que, cando menos até agora, a inmensa maioría dos casos son formas leves de gripe e que a proporción de enfermos que precisa hospitalización é so o 1%. Sabemos que todos os anos morren no estado español máis de 3.000 persoas pola gripe estacional e que a mortalidade ocasionada até agora polo novo virus é menor en termos comparativos. Pode concluírse que sabemos bastantes cousas da nova gripe e, sen embargo, só podemos facer conxecturas, baseadas na análise do que até agora veu sucedendo, sobre o que vai ocorrer cando, dentro de pouco máis de un mes, chegue a nova tempada de gripe. Facemos predicións e deseñamos plans para diversos escenarios posíbeis, sen embargo semella prudente prepararnos a conciencia por se pintan bastos, e coa esperanza de que as cousas non vaian máis alá da situación actual na que a grande maioría dos casos de Gripe A son leves e cursan de maneira similar á gripe de todos os anos.

0 comentarios:

Publicar un comentario