A Delegación do Goberno intenta delexitimar o MpDC por falta de argumentos
Written By Virgulino on 7/9/09 | 12:54
A Delegación do Goberno na Galiza achaca falta de lexitimación activa e pasiva ao Movemento polos Dereitos Civís. Este é o mesmo argumento que a institución emprega sempre cando non sabe por onde sair ao ter que pronunciarse ante unha queixa formalizada pola asociación. Neste caso, o MpDC presentou escrito a raíz da instalación de cámaras de video vixilancia no Centro Galego de Novas Tecnoloxías.
O Movemento quere asegurarse de que as cámaras cumpren todos os requisitos previstos pola Lei orgánica que regula o emprego destas en espazos públicos. Con esta intención, solicitou por escrito á Delegación do Goberno que confirme a existencia dunha autorización para a instalación das cámaras, do parecer favorábel da Comisión de Garantías e de informes policiais que acrediten a necesidade ineludíbel de contar coas ditas cámaras. Lonxe de atender os pedimentos do MpDC, a Delegación recorre á mesma resposta de cando non ten argumentos para a defensa das súas accións de protección ás institucións públicas, incidir en que descoñece cal pode ser o interese do Movemento para que se retiren as cámaras.
Como en tantas outras ocasións, o colectivo polos Dereitos Civís lembra que os intereses que o moven a pronunciarse sobre estas cuestións non son outros que os da cidadanía. Son os mesmos que polos que debería velar a Delegación, o dereito á intimidade e á propia imaxe das persoas. A institución escúdase en que as cámaras foron instaladas por unha empresa privada, se ben o espazo que invaden é o público.
Este é un caso moi similar a outros denunciados con anterioridade polo Movemento, nos que non existen circunstancias extraordinarias ou antecedentes particulares que poidan xustificar a instalación das cámaras. A asociación solicita en casos coma este que se reconsidere a necesidade de empregar un medio que pode lesionar os dereitos á intimidade e á propia imaxe de todos os cidadáns. Ao mesmo tempo, o Movemento invita a esta institución a substituír as videocámaras por outro medio de seguridade menos lesivo dos dereitos das persoas.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario