Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Que fácil é destruír!!

Written By Virgulino on 5/9/09 | 11:00

Escoitei en moitas ocasións aquilo de que é máis fácil destruír, que construír algo. O goberno de Feijoó dá boa mostra da veracidade deste dito. Se analizamos o que levan feito podemos afirmar que o mellor se lle dá a este goberno, no que se ten especializado, é en destruír todo o positivo que se fora artellando na pasada lexislatura. Singularmente, téñense empeñado a fondo e desmantelar as políticas que o BNG impulsou á fronte das áreas nas que tivo responsabilidade. Exemplos expresivos son a derrogación do decreto eólico ou o cambio de nome das Galescolas.

Ana Pontón Mondelo. Deputada do BNG no Parlamento Galego

O goberno do PP anula a adxudicación realizada polo anterior goberno baixo a escusa da inseguridade xurídica. Mais ate o momento, non teñen sido capaces de dicirnos en que se concreta esa inseguridade, que aspecto do proceso non se axustaba a legalidade. Non é máis que unha argucia para esconder as súas verdadeiras intencións: manter un modelo de explotación dos nosos recursos naturais, que esquematicamente se resume en que empresas foráneas espolien a nosa riqueza sen que fique beneficio para o país. Unha posición –hai que recoñecelo- congruente co papel e concepción política que a dereita española ten asignado a Galiza. Unha decisión política que podíamos intuír, despois dese apaixonado abrazo co que nos deleitaron Feijoó e o Ignacio Sanchez Galán –presidente de Iberdrola-, xustamente o día da investidura do primeiro.

A anulación da adxudicación eólica é unha grande fraude ao conxunto do pobo galego. Debían explicar porque a Xunta de Galiza, xustamente nun momento de crise económica e de baixada da recadación, renuncia alegremente a participar nos beneficios da explotación da enerxía eólica, por que prefiren que eses beneficios repercutan en catro empresarios “amigos do PP” e non no conxunto da sociedade galega. Unha mostra elocuente do perfil submiso e obediente dos membros do actual goberno aos intereses empresariais de grandes grupos foráneos.

Outro tanto podemos dicir do que está pasando cos servizos públicos, exemplificado nas Galescolas. A Xunta de Galiza, laiase día si e día tamén, que non hai recursos, que non ten cartos. Mais logo resulta que si hai fondos para cambiar o logo das escolas infantís do noso país. A conclusión é clara, o problema non son os recursos económicos, son as prioridades do actual goberno galego. Dotar ao país de máis escolas infantís non é unha prioridade; laminar todo o que teña o máis mínimo de positivo para o fomento do galego si. Para iso non se escatima en gastos.

Mentres, vemos como os problemas e necesidades dos galegos e galegas fican sen respostas por parte da Xunta. Que alternativas ten o goberno galego para crear emprego? Que sepamos ningunha, só anuncian que vai haber máis paro. Que alternativas ten o goberno fronte ao financiamento autonómico? Que saibamos só queixarse de que o goberno central non lles fai caso. Que propostas ten a Xunta de Galiza fronte a posíbel desaparición das caixas galegas? Só silencios cómplices con esa operación. A conclusión é sinxela, é máis fácil destruír o feito que construír algo positivo. E o goberno Feijoó parece que o único programa que ten é destruír todo aquilo positivo para Galiza, empezando claro está polo que nos identifica como pobo, a nosa lingua.

0 comentarios:

Publicar un comentario