A nosa Terra - Francisco Vázquez, nuncio do Vaticano:
"Hai poucos días aparecía en diversos medios de comunicación que Francisco Vázquez se postulaba como Defensor do Pobo, en substitución da Enrique Múgica, cuxo mandato expira en 2010. Falábase tamén dunha recollida de sinaturas do Movemento polos Dereitos Civís para opoñerse a este novo destino do actual embaixador de España no Vaticano, alegando que non reunía os requisitos para desempeñar a función que recollía a lei: “Protexer e defender os dereitos fundamentais e as liberdades públicas dos cidadáns”.
Non son partidario desta campaña “en contra de” e penso que debería ser substituída por outra de signo positivo, é dicir, “a favor de”. Por iso someto a consideración dos lectores este texto, que podería ser enviado a Zapatero e ao Papa.
As persoas asinantes, somos coñecedores dos méritos de todo tipo que adornan a carreira política de Francisco Vázquez:
Principal artífice da especulación urbanística na Coruña, con numerosas sentencias do Tribunal Supremos e Tribunal Superior de Xustiza de Galiza por violación das leis e das propias normativas municipais. O asilo de Adelaida Muro foi derrubado –cambiando a normativa que o protexía- para construír vivendas, que hoxe se venden a 1,4 millóns de euros. Esta operación urbanística foi cualificada como unha “obra de caridade”.
Colaborou estreitamente co PP para encubrir as responsabilidades deste partido na catástrofe do Prestige, recibindo a Aznar a Álvarez Cascos con todos os honores no palacio municipal de María Pita.
Disfrutou dos favores do PP, recibindo a dedo concesións de enerxía eólica, grazas a súa participación en empresas con familiares de altos cargos da Xunta de Fraga.
Violador continuado das leis, negouse durante 23 anos, como alcalde da Coruña, a aplicar a Lei de Normalización da Lingua Galega, aprobada por unanimidade do Parlamento Galego, gastando máis de 300. 000 euros das arcas municipais en recursos, que sempre perdeu, para burlarse da lei.
Como deputado do PSOE no Congreso, e seguindo a directrices da xerarquía da igrexa católica, non apoiou as leis sobre o dereito ao aborto, nin a dos matrimonios homosexuais.
Como alcalde colocaba enriba da mesa un crucifixo dun metro de altura e toda a corporación tiña que pasar por alí para prometer o seu cargo. O seu fervor mariano levouno a dedicar un monumento á virxe do Carme, cun investimento municipal de 90.000 euros.
O concello tivo que pagar 1.500 euros pola súa viaxe a Roma para asistir ao funeral de Xoán Paulo II e outros 9.000 euros para organizar na praza de María Pita unha misa polo Papa falecido.
Está a participar activamente nas campañas para que se sinale a casilla correspondente da declaración da renda para financiar á igrexa católica e para que se manteña o actual sistema de financiamento desa igrexa, segundo o vixente Concordato, que é anterior á aprobación da Constitución. Tamén participa en todo tipo de actos propagandísticos, como a exaltación da figura do fundador do Opus Dei.
Por todos estes motivos, consideramos que Francisco Vázquez ten méritos dabondo para que sexa designado polo Papa como nuncio ou embaixador do Vaticano en Madrid ou en calquera cidade do mundo. Ao mesmo tempo, e para poder acceder con total liberdade ao seu novo destino, pedimos ao presidente Zapatero o seu cese inmediato como representante de España no Vaticano."
Francisco Vázquez, nuncio do Vaticano
Written By Virgulino on 10/9/09 | 12:58
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario