Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Delegación do Goberno volve actuar de costas á cidadanía

Written By Virgulino on 18/9/09 | 13:20


O MpdC quere facer público que a Delegación do Goberno en Galiza intente, por todos os medios, deslexitimar o colectivo. Nesta ocasión, a asociación polos dereitos civís presentou un recurso no que solicitaba a nulidade de pleno dereito da resolución da Delegación en relación á instalación das cámaras de vídeo vixilancia no Colexio Rosalía de Castro no Concello do Grobe. Ao respecto, a institución volve alegar falta de lexitimación por parte do Movemento cando debería ser ela a que actuase como o fai o colectivo.


A Delegación achaca ao Movemento falta de lexitimación pasiva escudándose en que as cámaras de vídeo vixilancia non foron instaladas pola propia institución. Ao respecto e tendo coñecemento a insitución da existencia destas cámaras ilegais debería actuar iniciando unha investigación para saber se tales dispositivos están instalados ou non correctamente. Ademais, a Delegación alega falta de lexitimación activa, indicando que non sabe os intereses de quen defende o MpDC ao presentar tal escrito. Acerca deste despropósito, o colectivo non pode senón lembrar que está a facer o traballo que debería estar realizando a Delegación denunciando e atendendo as violacións dos dereitos da cidadanía.

A instalación e funcionamento das cámaras de vídeo vixilancia debe estar presidida por unhas garantías, condicionamentos e requisitos esixidos expresamente pola normativa vixente en materia de vídeo vixilancia e que o Colexio Rosalía de Castro omitiu. O centro de ensino vulnerou a legalidade no que se refire á utilización de vídeo cámaras polas Forzas e Corpos de Seguridade en lugares públicos, en relación co disposto para as autorizacións para as instalacións fixas; vulnerando os dereitos fundamentais á honra, a intimidade persoal e a propia imaxe.

De acordo ó exposto, a garantía do dereito á protección de datos, conferida polas normativas de referencia, require que exista unha actuación que constitúa un tratamento de datos persoais no sentido expresado. Atendendo á normativa exposta, a captación de imaxes de persoas que transitan pola vía pública, constitúe un tratamento de datos persoais incluído no ámbito de aplicación das mesmas.

En todo caso, e se o centro pretende xustificar a instalación de cámaras de vídeo vixilancia nos exteriores das súas instalacións, podería xustificarse coa contratación de gardas de seguridade, que serían menos lesivos para os dereitos dos menores. Como podemos comprobar existe unha medida menos invasiva para a intimidade dos menores e de toda persoa que a diario circula por diante do dito centro, como é o peche do portal ou incluso a contratación de gardas de seguridade. Xa que logo, o Movemento non pode se non solicitar a retirada das cámaras.

0 comentarios:

Publicar un comentario