Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O xulgado admite a trámite o recurso do MpDC polas cámaras do MARCO

Written By Virgulino on 24/3/09 | 12:52


O xulgado do Contencioso Administrativo nº4 da Coruña ven de admitir o recurso de súplica interposto recentemente polo Movemento para que se reclamasen certas probas documentais solicitadas por esta asociación.

O MpDC reclamara varios documentos que, en principio, non foron considerados necesarios polo xulgado como informes, estudos e índices de violencia, delincuencia e criminalidade en Vigo elaborados polas Policías Local e Nacional que xustifiquen o principio de proporcionalidade preciso para a instalación das ditas cámaras de seguridade.

Pola súa banda, a Delegación do goberno en Galiza respondeu o oficio do dito xulgado coruñés informando de que na dita institución non consta nigún escrito presentado polo Concello de Vigo solicitando autorización para a instalación de cámaras de vídeo-vixilancia no Marco.

Cabe lembrar que en tal recurso o MpDC esixía, ademais, a consecuente aplicación da Lei Orgánica 4/1997 que regula a instalación de cámaras en lugares públicos. Neste sentido, ao non ter solicitado o MARCO os preceptivos informes e autorizacións para a instalación, a aplicación da lei leva consigo necesariamente a retirada das cámaras, tal e como solicitou a asociación en reiteradas ocasións.

Dado que en ningún momento se seguiu o procedemento previo de solicitude de autorización para a instalación das vídeo-cámaras previsto por dita lei, o Movemento considera a retirada do dispositivo unha medida imprescindíbel para rematar coa violación dos dereitos á intimidade, á honra e ó dereito á propia imaxe que se está a producir nestes momentos.

Cunha argumentación análoga a empregada noutros casos de instalación ilegal de dispositivos de vídeo-vixilancia, o MpDC sostén a nulidade de pleno dereito da resolución da Delegación, xa que esta se desentende do procedemento previsto pola lei. Do mesmo xeito, a inexistencia dunha autorización para as cámaras implica unha vulneración do principio de legalidade que debe presidir as actuacións da administración; un atentado contra o principio de seguridade xurídica – pois a Delegación ten a obriga, non a potestade, de solicitar a citada autorización.

Ademais, o Movemento denuncia novamente o incumprimento do principio da igualdade ante a lei perante o manifesto trato de favor recibido polo MARCO neste caso. A análise da Lei 4/1997 desvela tamén nesta instalación de cámaras de vixilancia unha evidente falta de proporcionalidade, un dos requisitos esixidos pola propia lei: non existen indicios de vandalismo na zona, e dificilmente se xustifican con meras suposicións a agresión ó dereito de privacidade e á honra que supón a presenza das cámaras.

0 comentarios:

Publicar un comentario