Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento impartirá unha conferencia sobre a vídeo-vixilancia no Centro Social Mádia Leva

Written By Virgulino on 25/3/09 | 10:11


A avogada e asesora xurídica do Movemento polos Dereitos Civís, Eva Vales Fernández, vai impartir este xoves 26 en Lugo unha conferencia sobre control social e video-vixilancia. O motivo do convite feito ao Movemento é a decisión do Goberno municipal, que consiste na instalación de 72 novas cámaras de vixilancia no centro histórico de Lugo sumadas ás xa existentes.

Segundo o centro social Mádia Leva, organizador do evento, e o MpDC, “esta medida extrema implica a vulneración do dereito á intimidade, á honra e á propia imaxe”. Por iso, o colectivo lugués decidiu contar coa presenza do Movemento polos Dereitos Civís que leva tempo denunciando a proliferación destes sistemas de control en distintas vilas e cidades do país. Entre outras actividades previstas para estas xornadas tamén se atopa a presentación do dosier titulado “O Big Brother chega a Lugo” onde se analiza está situación.

O C.S. Mádia Leva de Lugo organiza dentro das Xornadas pola liberdade de expresión dúas conferencias para os dias 26 e 27 de Marzo que comezarán ás 20h30 na Rua Amor Meilán 18. No primeiro dia debateremos sobre control social e video-vixilancia e no segundo día sobre a criminalización dos movementos sociais co avogado do Organismo popular anti-represivo, Ceivar.

As cámaras en Lugo e a denuncia do MpDC

O Movemento polos Dereitos Civís dirixiuse ao Concello de Lugo para solicitar que reconsidere a súa decisión de instalar masivamente cámaras de vixilancia nas rúas da cidade. O MpDC solicitou información ao Concello sobre o cumprimento dos procedementos e garantías previstos pola Lei que regula o emprego de vídeo-vixilancia nos espazos públicos, e dirixirá escritos análogos a Protección de Datos e á Delegación do Goberno.

O obxectivo do Concello é, ao parecer, o de frear os actos de vandalismo contra os edificios con valor histórico e artístico da cidade. Porén, un requisito indispensable para o emprego da vídeo-vixilancia e a proporcionalidade no seu uso. O beneficio que supostamente se acadaría coas cámaras, atallar uns actos de vandalismo que non unha criminalidade difusa e ameazante, dificilmente resulta proporcional en relación coa violación sistemática dos dereitos fundamentais derivada da instalación de 72 cámaras.

Ademais, a efectividade das mesmas, a súa adecuación para o fin perseguido polo Concello, está moi en entredito dados os resultados acadados noutras vilas galegas. Así, as cámaras servirían no mellor dos casos para identificar aos autores, sempre que estes non opten pola sinxela medida de ocultaren os seus rostros. Cómpre insistir en que a vídeo-vixilancia é unha medida extrema, a utilizar en casos moi concretos, e non está prevista pola Lei coma substituto da presenza policial.

0 comentarios:

Publicar un comentario