Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC celebra que Google sexa obrigada de novo a retirar imaxes da rúa dos seus mapas

Written By Virgulino on 23/3/09 | 10:36


A empresa norteamericana Google viuse obrigada a retirar algunhas imaxes da rúa tiradas polo seu novo servizo Uk Street View ante as protestas de persoas que aparecían nelas sen teren dado previamente o seu permiso. Desde o Movemento non se observa que existan circunstancias que xustifiquen o emprego por parte dunha entidade privada dun dispositivo que pode interferir cos dereitos fundamentais dos cidadáns.

Entre as imaxes retiradas do portal de Internet figuran as dun home entrando nunha tenda de obxectos eróticos, persoas no momento de ser detidas pola policía, así como interiores reveladores dalgúns fogares. Os internautas poden utilizar o zoom e ver as rúas case coma se estivesen transitándoas grazas a imaxes captadas por unha flota de automóbiles nos que se instalaron cámaras de 360 graos.

Unha portavoz de Google informou á BBC que calquera persoa pode solicitar que se elimine a súa imaxe do servizo, que cobre 36.000 quilómetros de rúas e estradas de vinte e cinco cidades do Reino Unido, das que ofrece vistas panorámicas. Neste sentido, o MpDC critica que a cidadanía estea exposta a ser permanentemente gravada descoñecendo a finalidade das imaxes nas que podería aparecer sen teren ademais a posibilidade de escoller se quere ser filmada ou non polos dispositivos de Google.

En calquera caso, as cámaras instaladas por particulares, a maior razón, deberían respectar con exquisita prudencia os dereitos dos cidadáns. Resulta difícil xustificar a invasión da privacidade na defensa duns intereses privados ou particulares. O Movemento considera o enfoque da policía británica absolutamente errado da cuestión, xa que defende os intereses dunha empresa privada por riba dos dereitos da cidadanía.

Street View inaugurouse en Estados Unidos en maio do 2007 e funciona xa en España, Italia, Francia, Holanda, Xapón, Australia ou Nova Zelandia, entre outros países. O proxecto suscitou críticas de grupos como "Privacy International", segundo os cales "as imaxes se captaron sen o permiso da xente para un uso comercial, o que non é aceptábel desde o punto de vista legal", óptica que subscribe o Movemento.

0 comentarios:

Publicar un comentario