Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Investigan por homicidio ao pai de Eluana Englaro, a rapaza italiana cuxa morte tras dezasete anos en coma reabriu o debate sobre o testamento vital

Written By Virgulino on 4/3/09 | 14:33

Despois de 10 anos litigando para que lle permitisen retirar a alimentación á súa filla, en coma irreversible desde 1992, Beppino Englaro está sendo investigado por "homicidio voluntario". A asociación Verdade e Vida denunciouno ante a Fiscalía, xunto a outras 13 persoas: o anestesista que dirixiu o equipo médico que interrompeu a alimentación e a hidratación artificial, e os 12 enfermeiros compoñentes da asociación Por Eluana.

Eluana Englaro, que pesaba corenta quilos e tiña que ser cambiada de posición na súa cama por varios enfermeiros cada dúas horas para evitar a formación de feridas no seu corpo, morreu o pasado 8 de febreiro. Dado que levaba en coma dezasete anos, non tivo que presenciar o atroz espectáculo político que se desencadeou en Italia mentres ela se apagaba nunha clínica de Udine.
Á mesma hora na que Eluana morría, o Parlamento debatía, convocado de urxencia polo Goberno Berlusconi, unha lei ad hoc que pretendía impedir a execución da sentenza do Tribunal Supremo italiano, que autorizaba a suspender a alimentación artificial da muller. A lei que o Goberno intentaba a aprobar, oportunista e chapuceira, fora redactada con tanta presa que o texto obrigaba a alimentar forzosamente non só aos enfermos terminais que non puidesen expresar á súa vontade senón tamén aos seus enfermeiros e familiares. A parlamentaria Emma Bonino explicaba, deseperada ante o absurdo e delirante da situación, que a lei obrigaría “a todos, pero a todos, a rematar colgados dunha sonda”.
O Goberno preparara con anterioridade un decreto que o Presidente da República, Giorgio Napolitano, se negou a aprobar pola súa evidente inconstitucionalidade. Mentres intelectuais e actores sociais denunciaban as manobras do Goberno coma unha ataque sen precedentes contra a orde democrática, a Igrexa aplaudía as iniciativas de Berlusconi e fomentaba manifestacións.

Denuncia por homicidio
Eluana morreu finalmente na casa de repouso La Quiete, na cidade de Udine, tras tres días sen inxerir líquidos ou alimentos, nun proceso controlado en todo momento por un equipo médico de voluntarios. A súa morte non serviu sen embargo para pechar a polémica, ao contrario. Aínda que a autopsia determinou que non se utilizara medio algún para acelerar o desenlace, a destra e xerarquía católica acusaron de maneira velada ou directa á familia e ós responsables médicos de ter cometido un crime.
Así, unha asociación chamada Verdade e Vida acabou por presentar unha denuncia perante a Fiscalía de Udine contra Beppino Englaro, o pai da rapaza, contra o anestesista que coordinou o proceso e contra os enfermeiros e responsables da clínica. A Fiscalía investiga actualmente os feitos, unha investigación que debería ser en principio meramente formal dada a escrupulosidade coa se documentou todo.
Mentres continúa o debate parlamentario sobre a alimentación forzada. Sen excesiva presa nin demasiado interese, claro, agora que os focos apuntan cara outro lado.

0 comentarios:

Publicar un comentario