Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento solicita ó Concello de Lugo que reconsidere a instalación de 72 novas cámaras de vixilancia na cidade

Written By Virgulino on 3/3/09 | 11:22


O Movemento polos Dereitos Civís dirixiuse ó Concello de Lugo para solicitarlle que reconsidere a súa decisión de instalar masivamente cámaras de vixilancia nas rúas da cidade. O Concello anunciou recentemente a súa intención de colocar 72 cámaras para frear o vandalismo, desprezando a violación sistemática de dereitos que isto suporía. O MpDC solicitou información o Concello sobre o cumprimento dos procedementos e garantías previstos pola Lei que regula o emprego de vídeo-vixilancia nos espazos públicos, e dirixirá escritos análogos a Protección de Datos e á Delegación do Goberno.

O Goberno municipal que dirixe Xosé Luís López Orozco anunciou nas últimas datas a instalación de 72 novas cámaras de vixilancia no centro histórico de Lugo, que veñen sumarse ás xa existentes. O obxectivo do Concello é ao parecer o de frear os actos de vandalismo contra os edificios con valor histórico e artístico da cidade.

Sen embargo, un requisito indispensable para o emprego da vídeo-vixilancia e a proporcionalidade no seu uso. O beneficio que supostamente se acadaría coas cámaras, atallar uns actos de vandalismo que non unha criminalidade difusa e ameazante, dificilmente resultan proporcionais en relación coa violación sistemática dos dereitos fundamentais derivada da instalación de 72 cámaras. Milleiros de persoas serán gravadas cada día polas cámaras, vendo expostos o seu dereito á intimidade, á honra e á propia imaxe.

Ademais, a efectividade das cámaras, a súa adecuación para o fin perseguido polo Concello, está moi en entredito dados os resultados acadados noutras vilas galegas. Así, as cámaras non servirían para evitar a comisión de actos vandálicos, senón unicamente e no mellor dos casos para identificar aos autores, sempre que estes non opten pola sinxela medida de ocultar os seus rostros. Cómpre insistir en que a vídeo-vixilancia é unha medida extrema, a utilizar en casos moi concretos, e non está prevista pola Lei coma substituto da presenza policial.

O Movemento aproveitou o seu escrito para recordarlle todas estas circunstancias ao Concello e para incidir no impacto das cámaras nos dereitos dos cidadáns. Así mesmo, a asociación solicitou información sobre o cumprimento dos requisitos previstos pola Lei 4/1997: a solicitación dunha autorización á Delegación do Goberno, o informe favorable da Comisión de Garantías e a inscrición dos ficheiros no Rexistro Xeral de Protección de Datos.

O Movemento contactará tamén coa Axencia Española de Protección de Datos e coa Delegación do Goberno, para recoller información sobre o proceso de instalación das cámaras. De calquera xeito, a asociación espera que o Concello, perante as numerosas críticas recibidas, reconsidere a súa postura e defenda os dereitos dos seus veciños.

0 comentarios:

Publicar un comentario