Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O caso de dúas rapazas gravadas en Málaga demostra o potencial invasivo das cámaras de tráfico instaladas en varias vilas galegas

Written By Virgulino on 5/3/09 | 10:11

O Movemento polos Dereitos Civís insiste dende hai tempo no mal uso potencial que se pode realizar de calquera dispositivo de vídeo-vixilancia, e das consecuencias para os dereitos fundamentais que deste mal uso se poden derivar. Non son dende logo un caso a parte as cámaras de tráfico instaladas en varios concellos galegos, nomeadamente e en número moi importante en Lugo e Vigo. Como demostra un caso recente na cidade de Málaga, mesmo as cámaras instaladas en coches patrulla das forzas de seguridade e que deberan cumprir cunha función análoga ás das cámaras de tráfico, poden acabar sendo empregadas con efectos degradantes, intrusivos, sexistas e lesivos dos dereitos fundamentais.

Así, dous policías locais de Málaga veñen de ser sancionados por un uso indebido das cámaras colocadas no seu vehículo para detectar e documentar infraccións de tráfico. Os axentes utilizáronas en cambio para gravar as partes íntimas de dúas mozas que descargaban obxectos dun coche aparcado na rúa. Cando as afectadas, xustamente indignadas, se dirixiron a eles para pedir explicacións por este acoso, os axente fuxiron no vehículo.

Atopámonos xa que logo perante un caso paradigmático da lesión de dereitos que pode conlevar o emprego de calquera medio de vídeo-vixilancia. Ao MpDC preocúpalle especialmente a proliferación descontrolada de cámaras de seguridade e de control do tráfico nalgunhas vilas galegas, nomeadamente en Vigo e Lugo.

O Concello de Vigo ven de desestimar unha petición da asociación, argumentando que as cámaras de tráfico non se rexen pola Lei orgánica 4/1997, que regula o emprego de vídeo-vixilancia no espazo público. Os feitos acontecidos en Málaga veñen de corroborar en cambio a importancia de activar todas as garantías posibles para protexer os dereitos dos veciños fronte ás cámaras. Aplicar unha lexislación moito menos estrita só pode servir para aumentar o número intromisións na intimidade dos veciños.

O caso de Málaga é por desgraza sintomático tamén da seriedade coa que afronta a administración as violacións dos dereitos dos cidadáns. Os axentes que valéndose da súa autoridade molestaron, acosaron e gravaron ás rapazas, violando varios dos seus dereitos fundamentais e atentando contra a súa dignidade, foron sancionados cunha ridícula suspensión de sete meses.

0 comentarios:

Publicar un comentario