Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Valedor do Pobo presenta ó Parlamento un Informe anual que evidencia as carencias no desempeño da súa labor

Written By Virgulino on 12/11/08 | 13:42

O Valedor do Pobo presentou onte no Parlamento o seu Informe do ano 2007, que fixera xa público no pasado mes de Xullo. O Movemento polos Dereitos Civís celebra a nova actitude que amosou Benigno López na súa intervención para cos dereitos lingüísticos dos cidadáns, mais vese na obriga de amosar o seu escepticismo diante dalgúns dos datos e valoracións empregados no debate. A asociación reclama unha maior implicación do Valedor, así como unha actitude verdadeiramente critica coas administracións e en defensa do cidadán.

O Movemento quere interpretar o cambio radical do discurso do Valedor do Pobo polo que se refire ó fomento e ó uso do galego coma un sinal de reacción tardía perante ante as numerosísimas queixas presentadas no seu momento, nunha iniciativa do MpDC, tras as desafortunadas declaracións coas que Benigno López estreara o seu cargo. Cómpre recordar que o Valedor chegara a afirmar entón a "perigosidade" do emprego do galego na Xustiza, ou a inconveniencia do seu uso nos centros educativos.

Por outra banda, o MpDC quere distanciarse de interpretacións interesadas que identifican o aumento do número de queixas presentadas (2.280, case un 25% máis que o ano anterior) cunha suposta "ineficacia e falta e axilidade dunha Administración de esquerdas", segundo quixo ver o parlamentario popular Agustín Baamonde. O aumento do número de reclamacións é de feito un dos poucos datos verdadeiramente positivos que se desprenden da presentación do informe, e indica un maior grado de mobilización e de coñecemento da institución por parte da cidadanía. Neste sentido, o MpDC continuará coa súa labor de concienciación e de invitación ó exercicio dos dereitos e das liberdades a través do recurso ó Valedor.

Non obstante, outros dos datos presentados no Parlamento lévannos inevitablemente a conclusións menos positivas. No informe o Valedor cualifica de positiva a colaboración das administracións, resaltando o feito de que non declarou hostil ou entorpecedora a ningunha entidade e a escasa porcentaxe de recomendacións rexeitadas polas mesmas, un 12% do total. O que o Valedor non expuxo no Parlamento é o número de veces nas que ignorou queixas que foron en troques aceptadas polo Defensor del Pueblo e desembocaron en sancións por parte da Xustiza; ou os casos nos que se privilexiaron actuacións e informes irregulares, incompletos ou ilegais das administracións fronte ás lexítimas demandas dos cidadáns; ou as pucas queixas de oficio tramitadas, apenas un 2% do total.

O Movemento polos Dereitos Civís considera urxente e indispensable unha mellora da labor de Valedor en todos estes eixos. Non sería malo que Benigno López tomase nota neste sentido do resultado da recente enquisa efectuada polo MpDC, segundo a cal nin sequera un terzo dos galegos confía na imparcialidade das súas decisións, e máis da metade cren que estas atópanse condicionadas por intereses políticos.

0 comentarios:

Publicar un comentario